Skip to main content
Sarria

Máis de 5.400 peregrinos foron atendidos pola Asociación de Amigos do Camiño de Sarria entre setembro e outubro

Por 27 Novembro, 2023Novembro 28th, 2023Sin comentarios

A ruta xacobea confirma o seu éxito ano tras ano. Mais en contra do que pode parecer, cada vez máis camiñantes optan por vivir a experiencia tras os meses de calor e cando a tempada estival está a piques de rematar. Así o trasladan as cifras da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria que atendeu, na súa oficina, a máis de 5.400 peregrinos entre setembro e outubro.

Concretamente, Jorge López, presidente do colectivo, e a traballadora Celsa Carballo selaron unhas 2.759 credenciais en setembro e outras 2.650 en outubro. Un volume de turistas que mesmo chega a superar ao que recibiron durante o verán e do que perciben un crecemento dende hai un ano.

Aínda que a asociación, coa que colabora o Concello ofrecendo as instalacións a Deputación financiando os gastos de persoal, detectou tamén moitas viaxes de estudantes, o camiñante que predomina é estranxeiro, que chega de países como Brasil, Corea, Estados Unidos ou Australia. As previsións para novembro tamén deixan moi bo sabor de boca, pois calculan unha media duns 30 peregrinos ao día, ademais dun gran interese para realizar o Camiño durante a ponte de decembro.

Nas instalacións de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, que están situadas na entrada da vila, ofrecen toda a información necesaria sobre a ruta, ademais de selar as credenciais ata despois de Noiteboa, momento no que pecharán o servizo ata o mes de marzo.