Skip to main content

Por Julio Díaz

Nun informe profesional que manexei hai uns días reflectíase que o estado de tensión constante que afecta á saúde mental dos docentes, plasmándose nun aumento importante de baixas laborais, pasando do 5 % ao 16 % os que rematan recorrendo a ela. Algo que se atribúe ao contexto educativo actual e á crise de pandemia e postpandemia que aínda estamos a sufrir.

Entendemos por saúde emocional ese estado de benestar psicolóxico xeral. Inclúe a maneira de sentirse cara un mesmo, a calidade dos seus vínculos, a capacidade para manexar emocións e sentimentos e as distintas formas que todos temos e debemos ter de encarar dificultades. A saúde emocional non é só a ausencia dunha enfermidade, implica capacidades e potencialidades, como son a resilencia, a autoestima, ou buscar a mellor adaptación aos cambios.

O burn-out ou ‘síndrome do queimado’ é algo que como profesionais da docencia vimos a sufrir cada vez con máis intensidade; e que o noso traballo cada vez é máis complexo e estresante. Este síndrome (SBO) foi o primeiro en desenvolverse e actualmente a OMS o recoñece como enfermidade. Ocorre que moitos profesionais da docencia incrementan ata tal nivel as súas obrigas profesionais que acaban por descoidar a súa, e quero eu desde o meu ‘pupitre’, recomendarlles que é imprescindible coidar dun para poder realmente despois coidar dos demais, así que antes de preocuparte en exceso do teu alumnado, debes darte tempo para vixiar as túas horas de descanso, de sono, a túa alimentación, a túa vida familiar e persoal. Para que o noso alumnado teña unha rede importante de apoio; nós, os docentes, debemos ter en perfecto equilibrio a nosa saúde mental e física para así poder asegurar que a atención ao noso alumnado sexa a mellor.

Debe o docente aprender a manexar as súas emocións e explorar con frecuencia o seu estado emocional, os factores que nos rodean e como nos afecta, así como as relacións persoais cos demais. Non se trata de darlle demasiadas voltas aos temas, pero si que de vez en cando avaliemos como nos sentimos.

Debemos ser conscientes da problemática actual nos centros educativos onde o benestar emocional de toda a comunidade educativa debe ser unha prioridade das administracións. A atención ao profesorado, o recoñecemento social ao noso traballo, así como a inversión en educación son aspectos primordiais a ter en conta si pretendemos unha educación de calidade. É imprescindible, neste senso, o recoñecemento de enfermidades profesionais dos docentes.