Skip to main content

Por Moncho Paz

A folga do curso académico 1986-1987 constituíu o maior conflito estudantil da historia de España. Supuxo o comezo dun trienio de mobilizacións que foron ‘in crescendo’ co paro do profesorado nos meses seguintes e remataron coa histórica folga xeral do 14 de decembro de 1988. As convocatorias destacaron pola súa masiva participación e polos importantes efectos que acadaron na política educativa, especialmente no eido do ensino secundario. Podemos afirmar que se produciu unha democratización, no sentido de que se eliminaron as taxas e conseguiuse unha apertura das portas universitarias ás familias traballadoras. De feito, unha de consignas que máis berrabamos era “nin taxas nin selectividade, o fillo do obreiro á Universidade”.

Tras a manifestación do 4 de decembro en Madrid, organizouse un plan de asembleas en todos os institutos do país, coa finalidade de someter a votación o manifesto programático e organizar comités de folga con diferentes comisións de traballo.

Como naquela época non tiñamos móbil nin Internet, repartiamos a cada compañeiro unha listaxe con dez ou doce teléfonos para que se encargase de avisar persoalmente á xente e que non faltase ninguén ás xuntanzas. O 15 de decembro tocaba elixir aos representantes dos centros de ensino na futura Coordinadora. Na votación asemblearia celebrada no Instituto Basanta Silva de Vilalba, saín elixido por ampla maioría; o segundo punto da orde do día era a preparación da troula de Nadal na AJM 76, prevista para o venres 19. A partir de aí comezaría o meu contacto con outros líderes estudantís, tanto galegos como madrileños.

O 23 de xaneiro de 1987, máis de cen mil mozas e mozos participamos nunha memorable mobilización na capital de España contra as reformas do ensino. Había moitas outras convocadas en todo o Estado para a mesma xornada. Os representantes da Coordinadora desprazámonos a Madrid en autobuses flotados dende distintas comunidades. Cando marchabamos pacificamente pola Gran Vía, chegou un intre no que a Policía, provocada polas Bases Autónomas e outros grupos fascistas que pretendían rebentar a manifestación, deixou varios feridos ao cargar contra nós. A razón fora substituída polo caos e pola violencia. De súpeto, parámonos para vocearlles ao unísono: “Eses de marrón, de que instituto son?”. Pero non serviu de nada. A brutalidade da intervención, que a cidadanía puido ver a través das imaxes emitidas polo Telediario 2 (presentado por Luis de Benito e Elena Sánchez) falaba por si soa. Lembro que a prensa madrileña de dereitas lanzaba constantemente campañas de descrédito, denunciando ante a opinión pública que as revoltas estaban promovidas por “trotskistas organizados e anarquistas desorganizados”. Calquera argumento era válido para desencoraxarnos e desactivarnos.

Tras aquela mobilización, o movemento estudantil entrou nunha nova fase; ademais de demostrar o noso potencial -ao resistir unha prolongada folga a pesar da represión sufrida- ampliamos a coordinación a máis centros educativos. Neste contexto, o goberno de Felipe González iniciou unha dinámica de negociación, designando como interlocutor a Alfredo Pérez Rubalcaba, secretario xeral de Educación. Nas conversas celebradas na sede do ministerio conseguiuse frear o Estatuto do Profesorado, debido ao crecente número de docentes que secundaban a folga, eliminar as taxas de BUP e COU e lograr un aumento das bolsas, favorecendo a igualdade de oportunidades. Con todo, as demandas centrais, como a gratuidade universitaria e o fin da selectividade, esfumáronse, así como a ocasión que brindaba a actividade de semellante movemento estudantil nas rúas, abrindo a posibilidade de confluencia cuns traballadores entre os que era común oír aquilo de “hai que facer como os estudantes”. Solidariedade total. Dirixiamos as nosas mensaxes ao conxunto da esquerda, propoñendo a unidade de actuación. E contamos co apoio das principais forzas sindicais, sensibilizadas coas nosas accións e alarmadas pola alta taxa de paro xuvenil (máis do 40%), en pleno proceso de reconversión industrial.

As nosas organizacións máis importantes eran o Sindicato de Estudantes, liderado por Juan Ignacio Ramos, e a Coordinadora Estatal, con David Balsa. Este último achegouse a Vilalba en abril de 1987, atraído pola visibilidade das nosas protestas na prensa e a pola nosa actitude reivindicativa, pois chegamos a cortar o tráfico con varias manifestacións na estrada principal, e a contratar tres autocares para organizar en Lugo unha concentración ante a sede da Delegación Provincial de Educación, solicitando unha entrevista con Eduardo Sampayo Yáñez, o delegado da Xunta. Plantámonos alí ata que nos recibiu e arrincámoslle un compromiso concreto sobre a finalización das obras do Instituto Basanta Silva, porque precisabamos preparar o noso acceso á Universidade nunhas condicións dignas, deixando atrás as semanas de amontoamento terceiromundista vividas durante aquel curso.

Co discorrer dos anos, o madrileño Juan Ignacio Ramos converteuse nunha figura destacada na defensa dos dereitos estudantís e na loita por unha educación de calidade e accesible para todos. Agora é secretario xeral de Esquerda Revolucionaria. Pola súa banda, o coruñés David Balsa fixo carreira diplomática e na actualidade exerce de enviado especial da Presidencia da Corte Centroamericana de Xustiza para Nacións Unidas. E eu sigo a escribir as miñas crónicas e outras pezas xornalísticas… confiando en poder facelo durante moito tempo.