Skip to main content

Por Pablo Veiga

Adoitaban presumir alén ao norte da nosa bisbarra, polas terras da Mariña, de que estando os seus montes ateigados de plantacións de eucalipto, o certo era que apenas lles afectaban os incendios forestais, os cales, así era, asolaban cada certo verán –e incluso noutras estacións- zonas do País nas que non abondaba tanto esta polémica especie, traída, ou iso se di, polo relixioso Frai Rosendo Salvado desde o outro lado do mundo, das terras australianas, aló a mediados do século dezanove. Non lles faltaba razón; as estatísticas non enganaban e, efectivamente, nos concellos próximos á costa lucense, o lume era unha excepción. O sector da madeira, desde propietarios ata madeiristas, sacaban peito no seu discurso a prol do eucalipto, onde a súa rendabilidade económica estaba fóra de toda dúbida, sen pararse a pensar noutro tipo de contraindicacións que todos escoitamos cando se debate sobre o tema en cuestión.

As lexítimas razóns que presentaban os nosos veciños mariñáns, defendendo un monte no que practicamente existe un evidente monocultivo e o seu aval da inexistencia de incendios, podería ser válida se non nos paramos a analizar as condicións climáticas. E aí é onde temos a clave, porque de sobra é coñecido que en pleno verán, cando no interior temos días solleiros e con temperaturas roldando os trinta graos centígrados, é atravesar Mondoñedo e chegar ás espectaculares praias de Barreiros, Foz ou O Vicedo e aínda estando a auga do mar máis que apetecíbel, comprobamos que cómpre botar man dalgunha peza de abrigo porque a sensación térmica descendeu notablemente desde que saímos da casa. Porque esa era a realidade, xa que nas localidades citadas e arredores, sen cuestionar o encanto que atesouran en tódolos sentidos, as horas de sol son similares ás que teñen en países do norte de Europa, cunhas néboas e un orballo que minimizan as posibilidades do lume.

Pero o perigo aí está presente. O tempo está tolo e o cambio climático semella que está chegando para permanecer. E o resultado observámolo recentemente: Alguén aproveitando esas condicións favorables, en pleno mes de outubro, con sol, excesiva calor e aire, decidiu prenderlle lume ó monte coas consecuencias pertinentes. Centos de hectáreas foron arrasadas, chegando as lapas a núcleos habitados e con risco real para as casas e as persoas.

Non imos debater contra os argumentos que manexan os pro eucaliptos. Xa temos falado nesta mesma columna delo e nesta ocasión non toca. Mais o que acaba de acontecer debería levar a unha reflexión na que nos cuestionemos o modelo produtivo dos nosos bosques, nos cales están desaparecendo os soutos, as carballeiras e as fragas. Igual temos que pensar máis alá do beneficio inmediato e analizar outras variables que son de interese xeral. O “banco sen intereses” –en palabras da alcaldesa de Trabada- sufriu un sensible revés semanas atrás, acontecemento que ata a data era case inédito, pero moito nos tememos que nos vindeiros veráns xa non o será tanto e entón virán as lamentacións.

Ordear o territorio. Unha misión que temos pendente. A ver.