Skip to main content
MeiraRiotortoRiotorto AMARIÑAXA

A Quenlla dedica a Avelino Díaz o seu novo disco

Por 8 Novembro, 2023Novembro 9th, 2023Sin comentarios

O grupo musical A Quenlla presentou onte en Santiago o seu novo disco, co que pretende achegarse á figura do poeta Avelino Díaz, natural de Riotorto e vinculado a toda a comarca de Meira.

Avelino Díaz foi un emigrante e exiliado político claramente posicionado contra a ditadura franquista. No seu exilio en Boas Aires (1920) cultivou a lingua, dignificou a cultura… e construíu País na distancia e na intensa señardade.

Marchou por necesidade económica e soubo formarse, deixando unha obra inmensa que merece ser estimada e estudada. Innumerables artigos de prensa —director de diferentes publicacións da colectividade galega—, obras de teatro, traducións… e un total de 1.178 poemas dos que se teña referencia.

Interesa sobre todo analizar a calidade desa obra inxente, recoñecida xa por un bo elenco de investigadores e investigadoras que se achegaron a ela: Flor de retama, en castelán, 1947 Debezos, en galego, 1947 Pallaregas, en galego, 1963). O seu libro póstumo, 11 poemas a Castelao (1975), é unha homenaxe dupla do Centro Lucense ó labor dos dous galeguistas no 25 aniversario do pasamento do primeiro presidente do Consello de Galiza. Varias pequenas obras teatrais e polo menos 6 poemarios, deixados dispostos en cartafoles que permanecen inéditos.

O 31 de xaneiro de 2014 foi refundada a Asociación Cultural Avelino Díaz, con sede en Meira pero na que se integran case corenta entidades de toda índole das comarcas da propia Meira e da Terra de Miranda — Avelino, como se sabe, naceu na Órrea—. O seu obxectivo: promover a investigación e a divulgación da súa vida e da súa obra.

Desde aquela sucedéronse infinidade de iniciativas e de propostas ata a descuberta de obra inédita, un inventario realmente meritorio de actividades divulgativas, a investigación literaria en Galicia ou os sucesivos intentos de que a RAG fixase os seus ollos en Avelino Díaz e os escritores e escritoras emigrantes.

Desde os seus inicios tamén, apareceu nos relatorios de posibles iniciativas a idea de publicar un disco con cancións creadas a partir da poesía de Avelino. No camiño, grupos musicais diversos compuxeron temas con poemas coñecidos do noso autor: a Banda de Música Municipal de Meira, a Coral de Riotorto, o grupo de pandeireteiras Nove Ferreñas, o coro da escola de música Pena Gallada, The Tripa Street Band, Voladura, Tango en Xaneiro, o dúo formado por Enma Blanco e Brais Fontán… Todo empezara en 1977, non obstante, co Meniño labrego de Xerardo Moscoso, un poema incluído no disco Acción Galega, unhas das iconas da Nova canción galega.

E agora A Quenlla ofrécenos este proxecto longamente madurado que vén representar algo así como unha pousa na carreira de fondo para recuperar plenamente a Avelino.