Skip to main content
Pol LUGOXAPol TERRACHÁXA

Pedro Blanco pon en valor os investimentos nos concellos do rural nunha visita a Pol

Por 26 Novembro, 2023Novembro 27th, 2023Sin comentarios

O delegado coñeceu os proxectos que o Concello de Pol presentou ao Goberno para impulsar a área de deportes e que suman 1 millón de euros de investimento.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor en Pol o traballo desenvolvido polos concellos para levar a cabo proxectos que impulsen unha dinamización social dende o local. Pedro Blanco desprazouse esta semana a Pol onde se interesou polas iniciativas que impulsa do Goberno presidido por Lino Rodríguez e que optan a distintas convocatorias de axudas ministeriais. Estas iniciativas teñen como marco de acción a área deportiva, “para beneficio de gran parte da poboación”, sinalou.

O delegado lembrou que as propostas de Pol optan a axudas nas que os municipios do reto demográfico, entre os que se atopa este concello, son prioritarios. E lembrou que esta categoría de concellos foi establecida polo Goberno de Pedro Sánchez para designar e apoiar aos municipios con menos de 5.000 habitantes que requiren dun plan para atallar o despoboamento e o abandono do rural.

O delegado, acompañado da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez e o alcalde do municipio, Lino Rodríguez, afirmou que “o labor que realizan as administracións destes concellos é fundamental para que poidan avanzar e construír municipios máis vivos e dinámicos, poñendo freo á despoboación do rural e apostando pola sustentabilidade e ampliación dos servizos, facendo máis atractiva a vida nel e promovendo avances que poñan no centro ás persoas que o habitan”.

Un dos proxectos que presentou o alcalde ao delegado consiste na adecuación e instalación de residencias para deportistas que veñan ao municipio e darlles un lugar no que pernoitar, o que permitirá dinamizar moito máis a área de deportes da comarca de Meira e concretamente de Pol. Este proxecto ten unha valoración orzamentaria de case 600.000 euros e presentouse ao Consello Superior de Deportes, adscrito ao Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes,

Ademais desta solicitude, o alcalde detallou ao delegado o proxecto presentado ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico por valor de 508.789 euros, dos cales o concello se fará cargo de 50.000 euros para brindar un mellor servizo nesta área. Esta axuda permitirá a contratación de persoal e monitores para a realización de actividades deportivas ou campamentos.

Con estas dúas solicitudes, o delegado constatou o compromiso do Concello para impulsar e especializar as áreas de actividades, declarando que “Pol demostra o gran avance que está a facer coa súa área deportiva, expandíndoa e atraendo a xente do exterior do lugar”.

O delegado avanzou a satisfacción ante proxectos que van na mesma liña que as políticas do Goberno no que respecta ao Reto Demográfico, o que favorece a comunicación entre administracións para conseguir, entre todas, un territorio galego integrado e adaptado ás novas formas de traballo e oportunidades que se comprobaron efectivas diante o despoboamento que sofren estes territorios.

Investimentos do Goberno en Pol

O delegado e o alcalde repasaron na reunión os apoios do Goberno ao Concello de Pol nestes anos. Así, Pol beneficiouse de dúas axudas por valor de 922.000 euros coas que a Administración local financiou a renovación do alumeado público e tamén a rehabilitación da antiga casa reitoral para convertela nun centro social.

Ademais, o Concello de Pol benefíciase do programa UNICO-Banda Ancha, que executa o Goberno para completar a dixitalización do territorio galego. En Pol, este programa posibilitará a conexión a internet de altas prestacións a 1.511 vivendas e empresas.