Skip to main content
As Pontes

As Pontes volveu saír á rúa na vila e en Santiago

Por 23 Novembro, 2023Sin comentarios

Unhas 2.000 persoas participaron este xoves na manifestación que saíu ao mediodía da Praza do Carme, no marco da folga xeral parcial convocada pola CIG nas Pontes para reclamar unha transición xusta, medidas que garantan a reindustrialización e un futuro con emprego para a localidade. A folga, que se materializou con carácter xeral entre ás 11 e ás 15 horas, tivo un seguimento masivo en todas as empresas, sectores e administracións, cun especial impacto no comercio e na hostalería local que pecharon na práctica totalidade.

A xornada arrincou ás 5:30 horas con piquetes informativos despregados polos polígonos de Panapurreira e Os Airíos, e a central térmica para animar as traballadoras e traballadores a secundar a folga e a manifestación. Por volta das 9:30 horas, aproveitando a apertura do sector servizos, dos colexios e as dependencias públicas, o piquete percorreu o centro da vila facendo o mesmo chamado e explicando as principais reivindicacións que levaron a CIG a convocar este folga en solitario.

O secretario xeral, Paulo Carril, denunciou ao inicio da manifestación que “As Pontes é a zona cero” da crise industrial que temos en Galiza. “Levamos anos denunciando que non estamos ante unha transición, senón ante unha reconversión clásica que deixa detrás un estrago importante non só na actividade ligada á produción de enerxía, senón tamén naquelas empresas que no seu día foron representativas dos plans de reindustrialización, como Einsa”.

Carril puxo énfase en que a táboa reivindicativa da CIG “é un clamor popular” que hoxe se expresou no seguimento masivo da folga. Unha xornada de loita, engadiu, que supón unha chamada de atención urxente para que todas as administracións (Goberno español, Xunta e Concello) “fagan o imposíbel para frear esta demolición e ao tempo evitar que sexa Endesa quen marque o ritmo e o calendario ante a inacción dos gobernos”.

Valorou a enorme resposta dada polo pobo das Pontes, pero advertiu que “queda moito por diante”. “As promesas dun paraíso industrial e de emprego para o concello das Pontes non son certas. A realidade que hai é unha sucesión de despedimentos e unha crise importante na localidade e na súa contorna”. Considerou que a velocidade á que se tiñan que materializar eses supostos proxectos “debera ser a mesma que a dos despedimentos e o sen futuro para o conxunto das traballadoras e os traballadores”.

Destrúese emprego e non hai novos proxectos instalados

Pola súa banda, o voceiro da CIG nas Pontes, Alberte Amado, incidiu no declive que sofre a localidade dende o anuncio do peche da central en 2019, sen que neste tempo houbera solucións nin se asentaran xa novos proxectos industriais. “Aínda estamos ante promesas e procesos na vía administrativa, cando xa temos enriba un ERE en Einsa Print para despedir a 155 persoas, dúas empresas emblemáticas como Hermanos Gabeiras e Transportes Canosa en procesos concursais, e un ERE temporal ao longo de todo este ano e que se prevé continúe o próximo, en Intasa”. A isto, alertou, hai que sumarlle o peche de comercios e a caída xeneralizada do consumo.

Sobre o preacordo acadado no día de onte para a industria auxiliar de Endesa, Amado explicou que aínda que se produciron avances, “falta concreción e non deixa de ser un parche temporal até o mes de marzo”. Pediu que as garantías de emprego se prolonguen no tempo e lembrou que aínda está pendente manter reunión co nova contratista que vai coller os traballos de predesmantelamento.

Esta situación crítica, continuou Amado, merece unha resposta para exixirlle solucións ás administracións, nomeadamente un plan de choque que a curto praza dea unha alternativa laboral e económica a todos os colectivos afectados, así como a creación de chan industrial no municipio. Nesta liña, que se conserve a vinculación laboral dos traballadores e traballadoras da industria auxilia, estudando a súa posíbel incorporación a Endesa e, en todo caso, garantindo a súa incorporación nos proxectos industriais futuros.

Con esta folga a CIG tamén reclama a paralización de todos os ERE presentados e que se reasignen os 1400 MW de evacuación da central térmica no nó de transición xusta das Pontes e a consecuente poxa ligada a proxectos industriais. Esta capacidade de evacuación, recalcou, “constitúe un valor engadido para acadar proxectos, sobre todo no eido enerxético no inmediato”.

Unhas demandas xustas porque “queremos seguir traballando e vivindo aquí, non seguir nesta dinámica de perda de poboación, avellentamento, e destrución de emprego”, concluíu.

Unha delegación de representantes do Concello das Pontes, encabezada polo alcalde, Valentín González Formoso, apoiou aos traballadores e traballadoras de Einsa Print na concentración convocada polo comité de empresa en Santiago, diante do edificio do Consello Económico e Social de Galicia, coincidido coa reunión que se estaba a celebrar no interior do edificio entre o Comité de Empresa e os propietarios de Einsa Print.

Durante esta concentración, fíxose lectura dun manifesto institucional en apoio ás reivindicacións dos traballadores e traballadores que durante os últimos días se atopan inmersos na negociación dun expediente de regulación de emprego, presentado pola empresa o pasado 30 de outubro.

Nese sentido, Ana Pena, concelleira de Industria apuntou que “o ere plantexado en Einsa supón a perda de emprego para moitas familias das pontes e de concellos da contorna, e son traballadores con moitos anos de dedicación a empresa. Dende a Corporación queremos trasladar o apoio incondicional o conxunto dos traballadores e pedimos a dirección que amose a súa vontade de facilitar a procura de alternativas máis propicias “.

Tendo en conta que o prazo de negociación remata o día 30 e que nestes momentos non hai avances na mesma, para o Concello das Pontes é importante apoiar a solicitude dos traballadores e traballadoras de Einsa Print para paralizar os prazos, de cara a posibilitar un acordo alternativo á actual proposta da empresa” remarcou a concelleira.

Durante o acto de lectura do manifesto, tamén se deu conta da convocatoria da xuntanza solicitada polo comité e os concellos das Pontes e Pontedeume á Consellería de Industria para o próximo luns, ás 13.00 horas, no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.

Unha vez rematada a lectura do manifesto de apoio, no que participaron o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, a concelleira de Industria, Ana Pena, a concelleira de Benestar Social, Tania Pardo así como os voceiros locais do PP e do BNG, os integrantes da corporación pontesa, xunto co alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, dirixíronse ao interior do edificio para facer entrega do documento aos representantes da empresa.