Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXARábade LUGOXARábade TERRACHÁXA

Os colexios de Rábade e Friol abren o ciclo de obradoiros ‘Música e Evolución’

Por 22 Novembro, 2023Sin comentarios

Impartido polos músicos e investigadores Pablo Carpintero e Rosa Sánchez, inclúe concertos didácticos en centros educativos de todas as comarcas.

Os colexios de Rábade e Friol acollerán este xoves cadanseu concerto didáctico sobre instrumentos a cargo dos músicos e investigadores Pablo Carpintero e Rosa Sánchez.

A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa estas actividades que se están a desenvolver baixo o título Música e evolución e que amosan e poñen en valor o patrimonio musical, ao tempo que explican a música como unha manifestación cultural esencial para as persoas.

Durante estas sesións didácticas, amósanse 42 instrumentos, moitos deles novos para a rapazada, cun fío argumental que incide no papel esencial que as mulleres xogaron na música, na cultura e na organización social ao longo da historia ou na orixe dos instrumentos musicais na cultura infantil. Por outra parte, contribúen a difundir e afianzar o emprego da lingua galega.

Os obradoiros son parte dun ciclo que chega a un total de 20 centros educativos. Entre eles, os colexios de Samos, Paradela, Portomarín, Guntín, Begonte, Cospeito, Foz, O Valadouro, Pol, Riotorto, O Páramo, Láncara, Trabada e Barreiros, nos que xa se desenvolveu a actividade nas últimas semanas.

En vindeiras datas, realizaranse nos colexios de Muras e Xermade (1 de decembro) e no CEIP Caselles Rollán de Xove e CEIP Lois Tobio de Viveiro (5 de decembro).