Skip to main content
Axenda CaducadaVilalba

Chegan uns obradoiros de cultura ‘on tour’ a Vilalba a vindeira fin de semana

O Concello de Vilalba acollerá o vindeiro domingo, 12 de novembro, uns obradoiros de cultura ‘on tour’ para nenos, nenas, mozos e mozas de 8 a 16 anos.

“É unha actividade de balde organizada pola Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (Fagamos), empregando a cultura urbana como ferramenta para traballar diferentes temáticas de interese social, que son a diversidade familiar, a igualdade ou a corresponsabilidade, a través dos obradoiros, facendo actividades colaborativas de parkour, cap paint, rap e graffiti”, explica Paula Vigo, concelleira de Mocidade de Vilalba.

A xornada en Vilalba terá lugar o domingo 12 de novembro no Pavillón do CEIP Mato Vizoso, en horario de 17.00 a 19.00 horas e o espazo está aberto a todas as familias, con prioridade de acceso a nenos e nenas de familias monoparentais, familias con mulleres vítimas de violencia de xénero e outras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de risco de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

Ademais, haberá unha mesa informativa para aquelas persoas adultas que queiran achegarse a coñecer como solicitar o recoñecemento da condición de familia monoparental en Galicia ou calquera outra dúbida sobre este modelo familiar.

“Cultura urbana On Tour” é unha actividade do proxecto “Facemos Corresponsabilidade 2023” no marco do Plan Corresponsables, coa financiación do Ministerio de Igualdade e a través da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.