Skip to main content
Xermade

Queixas en Xermade pola atención do Servizo de atención domiciliaria

Por 27 Novembro, 2023Sin comentarios

Unha veciña de Xermade fixo chegar ao Concello unha queixa formal contra o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) da localidade.

Segundo asegura na súa protesta formal a empresa comunica cun día de antelación os cambios de horario e continuamente cambia o persoal que atende aos maiores.

O motivo da protesta foi unha comunicación realizada pola empresa á familia dunha das usuarias, de 101 anos, que ten concedidas hora e media para levantar, aseala e facerlle a comida. Indican os xerentes que pode non ter asistencia ou cambiarlle o horario a unha hora cun asistente e media hora, sen precisar cando, con outra persoa.

A queixa da veciña fundaméntase en que avisan con pouca antelación dos cambios o que imposibilita ás familias a poder organizarse. Ademais, reclama que os cambios de asistenta son continuos, especialmente no verán.

“A empresa contratada polo concello amosa unha incompetencia imposible de xustificar. O persoal que traballa con persoas hai que coidalo, ten dereito a cobrar un soldo digno pois realiza un traballo encomiable. Esta empresa nin ten salarios dignos, nin presta un bo servizo e dálle igual que as usuarias queden desatendidas. A única solución é que lles descontan o que paga do servizo cando este non se realiza. Como se iso solucionase a dependencia!”, explica.

Acusa ao alcalde, Ramón García, de non ter evitado chegar a esta situación e engade que “debería poñerse a traballar no que é realmente importante, a atención ás persoas dependentes do concello que, como sabemos, son cada vez máis. Non se pode privatizar un servizo que debería ser público e despois non xestionar nin comprobar nin facer un seguimento do seu funcionamento”.

A veciña de Xermade, que asegura que hai máis persoas afectadas no termo municipal, pide que se tomen medidas urxentes para que o servizo chegue a todas as usuarias do concello con garantías e que ninguén quede sen a atención concedida. E tamén suxiro que o concello tome as rendas e dunha vez por todas faga o que teña que facer para que a atención das persoas dependentes no concello sexa efectiva, real e sobre todo eficiente e efectiva”.