Skip to main content
Uncategorized @gl

Lugo acolle desde mañá unha escolma da colección de arte do Parlamento de Galicia

Por 8 Novembro, 2023Sin comentarios

A mostra, titulada ‘A Nosa Arte’, continúa a súa itinerancia en Lugo, onde se inaugura mañá xoves ás 19.00 horas na sede Afundación.

A exposición itinerante integrada por unha escolma das máis de 300 pezas que conforman a colección de arte do Parlamento de Galicia poderá visitarse na sede Afundación de Lugo entre o 9 de novembro de 2023 e o 27 de xaneiro de 2024.

A exposición, titulada A Nosa Arte, recala en Lugo logo de estar aberta ao público en Vigo, Ferrol e Ourense nos últimos meses.

O Parlamento de Galicia conta coa colaboración da Xunta de Galicia e de Afundación para executar este proxecto expositivo, no que tamén participa a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.

A mostra está comisariada por tres académicos da institución: a catedrática emérita de Historia da Arte e arquiveira-bibliotecaria da Academia, María Victoria Carballo-Calero; e os académicos da sección de Arqueoloxía e Museoloxía Felipe-Senén López Gómez e José Carlos Valle Pérez. Os tres foron os encargados de realizar a escolma das obras que se amosarán na exposición; a maior parte delas percorrerán todas as cidades, mentres que arredor dunha cuarta parte irán mudando en función da urbe na que se exhiban.

E exposición itinerante A Nosa Arte enmárcase na programación cultural do Parlamento de Galicia e xorde cun dobre obxectivo: dar a coñecer a colección de arte da Cámara galega e achegar o poder lexislativo galego á cidadanía.

A inauguración da mostra está revista para mañá xoves, 9 de novembro ás 19.00 horas na sede Afundación de Lugo (Praza Maior, 16).