Skip to main content
Cultura AMARIÑAXATrabada

Ana Moreira da asociación Veiguello de Trabada: “Temos pensado realizar catro eventos anuais con actividades”

Por 24 Decembro, 2023Decembro 25th, 2023Sin comentarios

Cando e como nace Veiguello?

Nace a proposta miña e do meu compañeiro Miguel de Lira, cando ambos comezamos a relaxar o noso traballo noutras asociacións. Eu en Olloboi, con quen organicei durante 13 anos o festival de cine escolar máis transcendente de Galicia, premiado pola Asociación de Xestores Culturais e a propia Axencia Galega do Audiovisual. Miguel en Canle de Lira, con quen montou nos últimos 10 anos un festival popular de gran popularidade, o Festórreo.

Por que ese nome tan curioso?

Porque a sé da asociación está na casa de meus avós, nun lugar na veiga do río da Vilapena á altura de Vilaformán.

Con que motivación xorde?

Coa de colaborar humilde pero honestamente con aquelas persoas que teñen un compromiso ético coa súa terra e cultura. Sabemos que o interior lugués non ten o nervio da costa, nomeadamente da atlántica, onde se formou a nosa conciencia cultural. Trabada é un concello que padeceu un enorme éxodo rural, un concello esquecido polas administracións nacionais e galegas a nivel de infraestruturas e de coidado do territorio e patrimonio. Cando limos na prensa que a nova corporación local, da man da súa alcaldesa, estaba a loitar para que non se pechase o colexio de Trabada, deseñando a un tempo políticas de emprego e fixación de poboación, sentimos que era momento de arrimar o ombro e axudar.

Que obxectivos ten?

Pois naceu co fin de promover a creación e divulgación de iniciativas de tipo cultural, ecoloxista ou social no lugar de Vilaformán, e por extensión nas parroquias próximas, con quen se establecería a oportuna cooperación. Queremos poñer en valor a actividade cultural, ecolóxica, económica e social desenvolvida no rural, establecendo redes cooperativas con outras asociacións e profesionais.

Como crearán estas redes?

Pois promoveremos que creadores galegos de diversos campos como son o cine, a ilustración, a banda deseñada, a literatura, ou as artes escénicas, entre outros, mostren e mesmo creen obra no concello de Trabada. Tamén que investigadores difundan o seu traballo en Trabada. Gustaríanos achegar a cultura de vangarda ao rural.

Isto fará máis atractivo o Concello para o asentamento poboacional?

Si, probablemente. Queremos recuperar e fixar poboación nas parroquias facendo un chamamento de volta ó rural. E fomentar o coñecemento e a posta en marcha de iniciativas produtivas do rural, especialmente as vencelladas á economía circular.

“Colaboramos humilde pero honestamente con aquelas persoas que teñen un compromiso ético coa súa terra e cultura”

Quen conforma Veiguello?

A xunta directiva está formada por min xunto a Ángeles e María José Prieto, naturais de Trabada. Pouco a pouco estamos explicando o proxecto a veciños e veciñas do concello e imos, con contagotas, medrando pouco a pouco.

Teñen apoio institucional ou dalgunha entidade?

Do concello de Trabada por agora. Estamos a piques de presentar o proxecto a Deputación, GDR e Consellería de Cultura. Somos cautas, pero optimistas con respecto a incrementar eses apoios.

E doutras asociacións e colectivos?

Un dos nosos obxectivos é sumarnos ás redes asociacionistas que existen. A nivel cultural, estamos xa colaborando con Fanto Fantini, de Burela, Gaita Filmes, de Meira e Biblioteca Maravilhas de Lourenzá. A través de Patricia, de O Ferrado Marelo, pensamos contactar con cooperativas como EoAlimenta, que agrupa a produtoras agroalimentarias de produción primaria local, así como con Mano Panforreteiro, con quen compartimos a perspectiva coa que organizou este verán as xornadas sobre Cambio Climático.

Comezaron coas actividades?

Temos pensado realizar catro eventos anuais, ofrecendo neles actividades vencelladas a tres aspectos chave: creación, saúde/medioambiente, comunidade. Comezamos este mesmo setembro co Camín de outono, onde houbo o I Encontro Ilustrabada de caderno rural da man de Cristian Caruncho, o recente premio Castelao de Banda Deseñada. Convidamos ó alumnado do CEIP Celso Currás, o colexio de Trabada.

Que lle piden ao Goberno local?

Que siga tan aberto e colaborativo como o foi ata agora: a escoita activa é un piar esencial de traballo. Demostrada esta boa disposición, é evidente que a colaboración económica posibilitará que se desenvolvan actividades de máis calado e alcance na asociación.

Que accións futuras teñen en mente poñer en marcha?

De xeito inminente, traballaremos na dixitalización de álbums familiares, dando comezo a unha base de datos de fotos que agardamos ampliar ó longo dos vindeiros anos. A seguinte celebración é o “Encontro_Eos”, unha residencia artística para dez persoas que traballarán nunha curta documental. Estarán guiados por dous cineastas de prestixio.

Estas iniciativas teñen ou terán boa aceptación entre os veciños?

Cada unha das celebracións que proxectamos ten unha parte na que se os interpela directamente: dirixirán obradoiros, amosarán fotos, actuarán en curtametraxes, farán comidas… Non concibimos unha asociación que opere á marxe da veciñanza e, ó mesmo tempo, sabemos que ese é o máximo reto, sobre todo nun concello coa pirámide de poboación tan invertida. Vivimos nunha sociedade cada vez máis individualista e agoniada, a nivel global. Agardamos que o traballo a pé de leira, desde a humildade, contribúa a evitar a desconfianza e atraer simpatías.