Skip to main content
Cultura AMARIÑAXADeportes AMARIÑAXAXove

34 anos e 74 nadadores no Club de Natación de Xove

Por 27 Decembro, 2023Decembro 28th, 2023Sin comentarios

O Club de Natación de Xove é o único neste deporte na comarca da Mariña.

O Club de Natación de Xove é un dos máis representativos da provincia de Lugo e o único na comarca da Mariña e foi fundado o 20 de febreiro de 1989 polo interese dos rapaces que ían nadar á piscina.

Xa a finais do mes de abril dese ano presentouse a primeira directiva deste club e que estaba formada por Mª Pilar Ferreres Alventosa, José Sariego, Eduardo Traveso, Luís E. García Pañeda, Rosario Díez Álvarez e Patricia Mateos Medina.

Nos seus primeiros anos de vida fóronse intercalando postos na configuración da directiva e todos eles achegaron o seu gran de area para que este club continúe máis de dúas décadas despois realizando a actividade para o que foi creado; difundir e practicar a natación. Na actualidade o presidente é Alberto Pigueiras.

Desde a súa fundación e durante todos estes anos, distínguese por promocionar a natación en toda a comarca, así como aglutinar a nadadores de todos os municipios pertencentes á mesma. “É difícil lembrar cantos pasaron por este club, pero debemos agradecerlles a todos o esforzo que realizaron e realizan para que isto continúe moitos anos máis”, din desde o club.

Os adestradores que pasaron polo club foron varios e desempeñaron a súa función con gran éxito e conseguiron colocalo onde hoxe en día se atopa. Dende a directiva lembran a “César Varela, Jose M. Blanco González, Ramón Mosquera Néboa, Jose Rivera Lamigueiro, Alejandro Rodríguez, Pedro Esmorís, Inmaculada García Montes e Marta Gallego”.

Na actualidade atópanse adestrando Mirta Escuredo Díez, que foi subcampioa de España e leva as categorías de prebenxamín, benxamín e alevín, e Leticia González Fernández que leva as categorías de infantil, júnior e absoluto, así como dalgún nadador máis novo e con proxección de competir a novel autonómico. As dúas formáronse neste club e na actualidade aínda o representan en distintas competicións.

Ao longo da súa existencia a piscina de Xove acolleu importantes eventos deportivos tales como o campionato Galego Absoluto ano 1993, o campionato Nacional Gran Premio de Idades Infantil en 1996, o campionato Galego Infantil en 2003, e o Trofeo Mirta Escuredo durante os anos 1999, 2000, 2001 e 2002.

Actualmente os nadadores disputan os diferentes campionatos establecidos pola Federación Galega e a Federación Española de Natación, e o Club Xove conta con equipos benxamín, alevín, infantil, júnior, absoluto e máster, así como participan en diferentes torneos por toda a comunidade Galega e comunidades veciñas como Asturias e León.

“O obxectivo é aumentar o número nadadores sobre todo na base, ampliar participación nos campionatos galegos, participar nos campionatos de España con dous ou tres nadadores e como equipo ascender a 2ª división na Liga Galega de Clubs”, din desde o club.

Por outra banda e entregado na educación acuática, o club organizou un Campus de Natación no verán para nenos de entre sete a once anos. Neste campus á parte da natación, levan a cabo outras actividades como xogos tradicionais, todo iso en lingua inglesa. Realizáronse 7 edicións e foi creado para a captación de futuros nadadores.

Tamén e como forma de continuar cos adestramentos durante o verán e promocionar o club, varios compoñentes participan en diferentes travesías en augas abertas tanto a nivel individual como baixo as siglas de Xove, logrando case sempre, situarse nos primeiros postos da competición.

E ademais búscanse actividades trimestrais con viaxes para “combinar adestramentos e tempo de ocio e así cambiar de aires e facer traballo de grupo”.

Hoxe en día contan co 74 nadadores, unha cifra que demostra o bo avance do único club da comarca e entre eles non haberá que perder a pista a por exemplo Rubén Antón, Luis Riveira, Mateo Rodríguez, Emma Buján, etc. pois seguramente consigan grandes éxitos.