Skip to main content
Deportes AMARIÑAXAViveiro

José Ramón Lete Lasa comprobou as obras de reforma de instalación eléctrica no Campo de Deportes de Celeiro

Por 4 Decembro, 2023Sin comentarios

A Secretaría Xeral para o Deporte destina anualmente preto de 100.000 euros a impulsar a actividade deportiva no municipio de Viveiro, apoiando o labor dos clubs e outras entidades, a organización de eventos ou a mellora das instalacións. En concreto, no período 2022-2023 investiu 194.800 euros,  distribuídos practicamente a partes iguais en cada exercicio.

O secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe as obras de reforma de instalación eléctrica que se levan a cabo no Campo de Deportes Municipal de Celeiro, onde tamén se instalarán novas dotacións como vestiarios, sanitarios, bancos para os equipos, redes ou unha varanda de separación entre o terreo de xogo e os espectadores.

O Goberno galego achegou ao Concello de Viveiro 50.000 euros para estes traballos, a contía máxima prevista na orde de subvencións para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal.

A meirande parte do orzamento responde á colaboración da Xunta con máis dunha vintena de clubs deportivos viveirenses que ofertan en conxunto 17 modalidades distintas. As axudas teñen por obxectivo contribuír cos gastos derivados da súa actividade e, por outro lado, facilitar a adquisición de material deportivo e demais  dotacións, convocatoria orientada este ano á compra de equipamento adaptado para mellorar a inclusión dos deportistas con discapacidade.

Catro clubs do municipio participan no programa de deporte escolar da Xunta Xogade,  nas especialidades de atletismo, balonmán e xadrez, e a Secretaría Xeral para o Deporte tamén sufraga os seguros dos deportistas federados de 14 entidades de Viveiro, medida que beneficia aos rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos.

Instalacións máis seguras

O secretario xeral para o deporte e o delegado territorial tamén se desprazaron a Xove para supervisar os traballos de substitución da cuberta da bancada norte do campo de fútbol, para as que a Xunta achega igualmente 50.000 euros.

Os mandatarios galegos sinalaron que esta orde de axudas pretende reforzar a seguridade e a calidade das instalacións e infraestruturas deportivas públicas, que resultan imprescindibles á hora de procurar recursos que faciliten a práctica deportiva á cidadanía en xeral e as asociacións e clubs en particular.