Skip to main content
Foz

A sede do PSOE en Foz sufriu un acto vandálico

Por 2 Decembro, 2023Sin comentarios

A sede do PSOE en Foz sufriu un acto vandálico a noite do xoves ao aparecer cunha pintada o venres que di: O mellor socialista é un socialista morto. Todos os grupos políticos condenaron estes actos. “Alentar ambientes de crispación e incitación ao odio son impropios dunha sociedade plural”, sinalan dende o PSOE focego.

“Continúan os ataques ás nosas Casas do Pobo, hoxe tocounos a nós o ataque dos vándalos e covardes que se amparan na noite para desexarnos a morte”, dixeron os socialistas focegos.

Xa no pasado agosto, o hotel propiedade da familia do ex alcalde socialista en Foz, José María García Rivera, amenceu cunha pintada co lema ‘Que che vote Txapote’, horas despois da constitución da Mesa do Congreso.

“Un covarde acto fascista. Presentámonos e resultamos elixidos para defender o noso pobo. Unha pintada dun inadaptado ameazando a nosa integridade física non nos vai amedrentar. Isto non representa a Foz”, dixo o rexedor socialista focego, Fran Cajoto.

“A Casa do Pobo de Foz non pertence a un partido político pertence a todos os veciños que comparten os principios e os valores que proxecta. Un propósito que nace da vida da xente e as súas loitas diarias que son moitas, moi diversas e moitas veces levadas dende o abismo da soidade”, di Carlos García, vicesecretario xeral do PSOE de Foz.

PARTIDO POPULAR.

Os populares de Foz tamén lamentaron as pintadas ameazadoras na sede socialista e dixeron que “condenamos con rotundidade un feito que entendemos gravísimo e que atenta contra a liberdade de pensamento e o espírito democrático”.

Así, envían o seu “maior apoio aos compañeiros do PSOE de Foz co desexo e a confianza de que as forzas e corpos de seguridade podan dar cos responsables deste lamentable ataque”.