Skip to main content
Foz

A aula Universitaria da Uned en Foz inicia un ciclo de presentacións da oferta educativa

Por 23 Decembro, 2023Sin comentarios

A aula universitaria da Uned de Foz está a iniciar un ciclo de presentacións da oferta educativa e dos diferentes recursos e servizos da Uned e, en concreto, da aula de Foz. Este dará comezo en Burela o día 11 de xaneiro no auditorio municipal ás 12.00 horas, e continuarase en Foz, no salón de actos do Instituto de Educación Secundaria en día e hora por determinar.

A coordinadora da aula, Marta Muiña Rodríguez, sinala que “estas charlas están dirixidas ao alumnado dos centros de ensino medio e ao público en xeral que poida estar interesado, para que  coñezan de primeira man a  oferta educativa, as titulacións e os recursos que presenta esta aula universitaria. O contido das mesmas irá orientado á presentación da aula e dos servizos cos que conta, dende os distintos graos ata o curso de acceso á universidade para maiores de 25 e 45 anos, pasando pola variada oferta de actividades de extensión universitaria e culturais”.

A concelleira da aula universitaria da Uned de Foz, Elena Martínez Pena, sinala: “preténdese achegar á cidadanía do noso concello e dos municipios veciños ás posibilidades da aula, presentándose como unha opción para cubrir as súas necesidades formativas ou culturais, e así servir como un dos referentes na oferta educativa da comarca da Mariña”.

E Marta Muiña engade que “tamén se busca presentar a metodoloxía da Uned, caracterizada por unha modalidade de educación a distancia semipresencial, baseada nas novas tecnoloxías combinadas con sistemas máis tradicionais, como libros de referencia nos distintos campos ou as titorías presenciais ou virtuais nos diferentes centros asociados”.

Desde a aula universitaria da Uned de Foz móstranse dispostos a presentar a súa oferta a todo aquel que poida ter interese, polo que invita a calquera outro concello da parte central ou oriental da Mariña que desexe organizar un encontro deste tipo a poñerse en contacto coa concelleira responsable, Elena Martínez Pena (698 110 727), ou coa propia aula universitaria no teléfono 982 133 699, no WhatsApp 604 034 549 ou no correo electrónico foz@lugo.uned.es.