Skip to main content
Foz

Catro novas actividades para a programación de xaneiro da Uned en Foz

Por 30 Decembro, 2023Decembro 31st, 2023Sin comentarios

A concelleira da Aula Universitaria da Uned en Foz, Elena Martínez Pena, e a coordinadora da mesma, Marta Muiña Rodríguez, anunciaron a nova programación formativa do centro para o vindeiro mes de xaneiro. Deron conta de catro novas actividades: dous cursos, para os que xa está aberta a inscrición, a presentación dunha novela e unha charla.

Por un lado presentaron dous cursos de extensión universitaria: un curso preparatorio de Celga 3 e 4, que se celebrará do 10 de xaneiro ao 20 de marzo de 16:00 a 18:30 horas, nas modalidades presencial ou online, en directo ou en diferido; e un curso para opositores que se denomina Nocións fundamentais sobre a Constitución Española de 1978 e a Lei 39/2015 do 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas, que terá lugar do 11 ao 18 de xaneiro de 16:00 a 20:00 horas e tamén será presencial ou online, en directo e en diferido.

Por outra banda propoñen participar nunha actividade cultural para dar a coñecer unha novela de actualidade, Resaibo amargo, da veciña Lucía Ferro, natural de Barreiros, que será o venres 19 de xaneiro ás 19.00 horas na propia aula universitaria do IES de Foz.

Finalmente anuncian que se levará a cabo unha charla informativa de presentación da propia aula universitaria da Uned o día 25 de xaneiro ás 12:50 horas no salón de actos do IES de Foz, enmarcada no ciclo de presentacións que veñen de iniciar e que estará aberta ao público que poida ter interese en coñecer os servizos e recursos que dende Uned Foz se ofrecen.

Para máis información as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa Aula Universitaria de Foz no teléfono 982 133 699, no WhatsApp 604 034 549 ou no correo electrónico foz@lugo.uned.es.