Skip to main content
Cultura AMARIÑAXALourenzá

Lourenzá: Pazo de Tovar

Por 10 Decembro, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Os diferentes elementos defensivos harmonizan coas demais dependencias anexas do castelo.

Documentación do século XII describe o lugar de Canedo (parroquia de Santo Tomé, municipio de Lourenzá) como unha vila amurallada cunha torre, a Torre de Canedo. É a orixe da actual Fortaleza ou Pazo de Tovar, declarado Ben de Interese Cultural no 1949. No seu interior pode atoparse o Centro de Interpretación da Cultura dos Pazos de Galicia e en diferentes ocasións pódese desfrutar doutras exposicións relacionadas coa época medieval. Así mesmo, os visitantes poden desfrutar dunha das edificacións con máis historia da comarca da Mariña.

Os primeiros documentos sobre esta edificación datan de finais do século XIII e refírense a ela como Torre de Canedo. Documentos posteriores indican a súa progresiva deterioración. Os últimos escritos descríbena como unha vella torre en estado deplorable.

FORTALEZA.

A primitiva Torre de Canedo atopábase en estado ruinoso cando no século XVI foi remodelada e reconstruída para ser unha vivenda-fortaleza. O promotor foi Antonio de Tovar, xentil home de Carlos I e construíu en 1530 unha fortaleza sobre a torre cun carácter menos defensivo; remodelándoa ao gusto da época, con maiores xanelas para outorgar máis luz ao interior, ademais doutros elementos decorativos para dar máis importancia ao conxunto. O seu estilo é gótico isabelino, sendo un dos mellores exemplos deste estilo en Galicia.

O corpo principal é rectangular e está flanqueado por dúas torres cadradas con almeas, troneiras, saeteiras e barbacás. Tamén atopamos un patio interior. A porta principal do pazo é de arco gótico isabelino e conta con dous bustos en baixorrelieve. Toda a construción é de cachotería de lousa con perpiaños de granito nas partes nobres.

A porta principal do pazo é de arco gótico isabelino con dous bustos en baixorrelevo labrados na base dos arcos e enriba dous pequenos escudos.
Ao longo da súa historia esta fortaleza-vivenda medieval estivo vencellada ao mosteiro benedictino de San Salvador de Lourenzá, á estirpe Ponce de León, á liñaxe Aguiar, á familia Pardo de Cela, a Antonio de Tovar e aos marqueses de Villasante.

Despois de Antonio de Tovar a fortaleza herdouna Brianda de Tovar e Pimentel, pasando en 1548 a ser propiedade, por herdanza, dos Vázquez de Seixas na persoa de don Fernán, señor de San Paio de Narla, Condes, Castelo das Seixas, e cotos anexos.

A partir desta data, diferentes familias viviron na fortaleza ao longo do tempo; a maior parte como arrendatarios, chegando en momentos a vivir máis dunha familia no inmoble. Todos deixaron as súas pegadas no edificio.

Pódese visitar de mércores a domingo de 12.00 a 13.30 e de 16.30 a 18.00 horas.