Skip to main content
Lourenzá

O BNG de Lourenzá critica que o Goberno Local “non facilite as actas das xuntas de Goberno local”

Por 20 Decembro, 2023Decembro 21st, 2023Sin comentarios

O BNG de Lourenzá, viuse na necesidade de rogar en Pleno municipal que lles facilitasen o acceso as actas da Xunta de Goberno Local posto que “eses acordos son o medio fundamental do que dispoñemos dende a oposición para controlar, fiscalizar a xestión e garantir a transparencia das actuacións do grupo de goberno,  sendo este un dos principios básicos do funcionamento democrático das administracións locais”, sinala a voceira do BNG, Belén Fanego.

As actas da  Xunta de Goberno local chegan con máis dun mes de atraso. “Suponse que se celebra unha cada mes, pero dende o mes de xullo só temos dúas no noso poder. Ata a data de hoxe escusándose en diversos motivos (lei de protección de datos, ausencia de persoal, etc) non foron quen de facilitarnos un acceso áxil as resolucións da Alcaldía o que dificulta e fai imposible a nosa labor como oposición”, di a voceira nacionalista laurentina.

“A maiores a equipa de goberno incumpre sistematicamente a obrigatoriedade de dar conta sucinta nos plenos de ditas resolucións. Algo que non fixeron en ningún dos plenos convocados ata a actualidade”, engade Fanego.

O grupo nacionalista dende a oposición, reitera o seu compromiso coa  defensa dos intereses xenerais das veciñas e veciños así como a súa  disposición a colaborar en todo o que sexa beneficioso para o municipio. “No noso traballo como grupo municipal, presentamos unha moción para recuperar a atención pediátrica en Lourenzá”.

Así mesmo, rexistraron un rogo en setembro para que se reducise durante unha hora o son das atraccións durante a Festa da Faba “rogo que non foi tido en conta e unha pregunta sobre o Plan de seguridade da mesma posto que non houbo presenza de ambulancia durante eses 2 días e soamente estivo presente na carreira da Faba”, engade Fanego.

“Presentamos outra moción para a mellora do SAF e das condicións laborais das súas traballadoras, na que se pedía entre outras cuestións,velar pola saúde laboral das traballadoras, e revisar os protocolos de xeito que cando se realicen tarefas que impliquen un maior esforzo, sexan dúas as persoas encargadas de facelo evitando así caídas dos usuarios  ou danos nas propias coidadoras”, di a nacionalista, “a moción foi rexeitada”.

Entre as preguntas, interesáronse polo custe que supón para o concello o arranxo dos farois que se teñen que repoñer na avenida de Mondoñedo por mor dos danos que ocasionan os vehículos cando non se pode identificar ao causante dos danos e pola reparación da ponte de Nogueiredo, na parroquia de Santo Adrao, caída dende o 8 de setembro para que sexa reparada coa maior celeridade posible.

Así mesmo, apuntaron a necesidade de novas localizacións para a recollida selectiva de lixo nas parroquias, acercando contedores de vidro, papel ou plástico a varias zonas do rural que o precisan.

E rogaron que solucionen “o abandono no que se atopa o entorno do Punto Limpo e  unha maior axilidade na recollida de materiais voluminoso nos domicilios”, rematou dicindo.