Skip to main content
Mondoñedo

A Xunta e o Concello de Mondoñedo avanzan na mellora de infraestruturas rurais

Por 11 Decembro, 2023Sin comentarios

O conselleiro do Medio Rural, José González, xunto ao director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse en San Caetano co alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, que estivo acompañado polo concelleiro José Otero.

Na xuntanza abordáronse temas de especial interese para o futuro de Mondoñedo, coma seguir mellorando as infraestruturas rurais. En concreto avanzouse, a demanda do rexedor, no futuro arranxo de varias pistas en distintas parroquias do concello co obxectivo de facilitar a mobilidade dos veciños e a conectividade do propio municipio, iniciativas enmarcadas no compromiso da Xunta de Galicia coa vertebración do territorio e a mellora da capacidade organizativa das áreas rurais.

No encontro tamén se avaliaron outros asuntos incluídos na cooperación institucional existente entre o goberno autonómico e o Concello, en cuestións fundamentais como é a prevención dos incendios forestais. Un eixo prioritario de actuación, coincidiron, e que contará con novas infraestruturas coma a nova Base Integrada de Unidades Operativas (BUO) de Mondoñedo, cun investimento de case 480.000 euros por parte da Xunta e que estará operativa no primeiro trimestre de 2024.