Skip to main content
Comarca AMARIÑAXATrabada

MAVI fai parada en Trabada contra a violencia de xénero cunha nova entrega de libros

Por 28 Decembro, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, entregou a “MAVI: a Maleta Viaxeira Contra a Violencia de Xénero” no campamento de Nadal do concello de Trabada para seguir a traballar por unha igualdade efectiva e real entre homes e mulleres a través dunha lectura que permita detectar e previr comportamentos e actitudes machistas.

A subdelegada presentou xunto á alcaldesa do concello, Mayra García, e á Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María Luisa Castro, a maleta MAVI co obxectivo de combater actos derivados do sistema patriarcal en todos os concellos da provincia.

“Apostamos e facilitamos que os concellos se sumen a loitar contra esta violencia estrutural, defendendo que as administracións públicas deben seguir ofrecendo programas que contribúan á concienciación da sociedade”, asegurou, engadindo que “este é un asunto de estado e de gran relevancia social que perxudica gravemente a mulleres e nenas polo simple feito de selo”.

Isabel Rodríguez puxo en valor esta iniciativa “que segue a ter unha boa acollida nos concellos, cunha alta demanda da MAVI polo labor de sensibilización que se pode facer entre a veciñanza, e que provoca en moitas ocasións que as persoas se interesen por saber como actuar en caso de agresións ou actitudes machistas”.

Rodríguez fixo fincapé en que a base para loitar contra este tipo de violencias sostense na educación e a cultura, “por iso é tan importante fomentar a lectura con libros que se poñen a disposición da cidadanía para traballar temas que proliferen un pensamento crítico e de repulsa ante a discriminación por razón de sexo, así como a perpetuación dos estereotipos e roles impostos pola sociedade”.

Estes novos libros súmanse aos das maletas que xa pasaron por Viveiro, Sarria, Quiroga, Meira e Vilalba, así como aos dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso. Son dúas as maletas que están a percorrer a provincia actualmente co material para traballar sobre esta temática e que seguen a misión de ofrecer unha nova mirada ante un problema que afecta e interpela a toda a sociedade.

MAVI

A maleta conta con once libros de literatura infantil e xuvenil  para que poidan formar parte do proxecto persoas de todas as idades, incluíndo un diario onde poden expresar as súas reflexións e opinións sobre os contidos e as experiencias que tiveron a través da lectura.

Entre as obras que están na maleta atópanse títulos como “Insolación”, de Emilia Pardo Bazán; “Maternidades S.A. El negocio de los vientres de alquiler” de Laura Nuño; “La tierra de las Mujeres” de Sandra Barneda; “Mujeres invisibles para la medicina” de Carme Valls; ou “Desarmar la masculinidad” de Beatriz Ranea, entre outros.