Skip to main content
O Vicedo

Veciños do Vicedo concéntranse diante do centro de saúde para esixir que haxa médicos fixos

Decenas de persoas concentráronse diante do centro de saúde do Vicedo para esixir unha mellora nas condicións sanitaria, xa que “hai anos que vén funcionando baixo mínimos”, sosteñen os veciños do Vicedo, que decidiron xuntarse para esixir solucións.

Din que a situación foi empeorando progresivamente. Primeiro, suprimiuse a asistencia dun dos médicos, traballando só un e o outro en esporádicas ocasións; logo só un, e na actualidade contan cun médico que vai algúns días e catro horas para atender urxencias, “o que conleva que non se den citas para outras xestións ou cando se dan sexa cunha espera mínima de sete días”, critican. Por outra parte os nenos tiñan que acudir ao pediatra ao centro de Viveiro, pero neste tampouco hai facultativos.

Por isto, os veciños do Vicedo decidiron xuntarse e saír en defensa do seu dereito a unha sanidade pública, gratuíta e de calidade. As diversas asociacións do Concello concentráronse así para denunciar esta situación.

Tamén realizaron unha recollida de sinaturas por todo o Concello entre os veciños afectados, co que se conseguiron 1.030 firmas.

Por último, subliñaron que esixen a “inmediata ou urxente dotación das dúas prazas de médicos do centro de saúde con persoal fixo, e a inmediata ou urxente dotación dunha praza de pediatría no centro de Viveiro con persoal fixo para atención exclusiva dos pacientes dos concellos de O Vicedo e de Ourol”.