Skip to main content
O Vicedo

O PSOE esixe no Parlamento solucións á falta de profesionais sanitarios na Mariña

Por 6 Decembro, 2023Sin comentarios

Os socialistas esixiron no Pleno do Parlamento de Galicia solucións á falta de profesionais sanitarios e ao desmantelamento da Atención Primaria que está padecendo dende hai anos a comarca da Mariña e o Conselleiro de Sanidade respondeu “con escusas e mentiras”.

Así o manifestou a Deputada do PSdeG Patricia Otero, quen recalcou que a Xunta provocou numerosas e graves carencias na atención sanitaria dos mariñanos ao non cubrir as baixas, vacacións, nin permisos, e non planificar tampouco a cobertura das xubilacións dos profesionais.

Así mesmo, Otero desmentiu ao Conselleiro porque “os socialistas nunca votamos en contra de dotar de profesionais aos centros de saúde, nin dun concurso de traslados, nin dun listado de prazas convocadas, porque iso nunca o trouxeron ao Parlamento. Votamos en contra da trampa do PP coa creación dunha nova categoría laboral en sanidade para acurtar prazos a costa da precarización das condicións laborais do persoal, ao que se opoñen os sindicatos e que levou ao xulgado o colexio de médicos”. “Vostedes o que fixeron foi trampear o modelo de contratación para precarizalo aínda máis, e iso foi o que non apoiamos. Non terxiversen e non sigan a enganar á cidadanía”, subliñou. En todo caso, a postura do PSdeG nesta iniciativa “non sería un problema para ter médicos porque a aprobou o Partido Popular”.

Carencias por toda A Mariña

A Deputada expuxo na Cámara exemplos do desmantelamento ao que a Xunta somete á sanidade pública na Mariña, lembrando que, no centro de saúde de Foz, non cubre a redución de xornada do servizo de pediatría dende hai moitos anos, segue sen matroa e ten prazas de enfermería e medicina familiar sen cubrir; suprimiron o segundo técnico de emerxencias sanitarias da ambulancia de Foz e o servizo 24 horas da ambulancia asistencial, as dúas con base na vila focense, aínda que atenden a todos os veciños e veciñas da Mariña; en Burela non cobren baixas, vacacións, nin permisos, e hai problemas en pediatría; en Ourol levan tempo cun médico a tempo parcial; na Pontenova reduciron dende 2018 de tres a dous médicos, e de dous PSXs a un, unha situación precaria que empeorou nos últimos meses cando chegou a haber días sen ningún profesional; Alfoz, O Valadouro e Ribadeo tamén teñen falta de persoal; no Vicedo hai un único médico e tan só catro horas; en Viveiro, a situación é “crítica, insostible”, pois non teñen pediatría dende hai un ano e chega a haber só dous médicos ou mesmo un, dos 10 que tiña que haber. No caso do centro médico viveirense, recalcou a Deputada, “para tratar de desarticular a manifestación convocada en novembro, a Xunta dixo que o problema estaba resolto, pero a veciñanza atópase agora con que as citas de moitos médicos deste centro están bloqueadas ata xaneiro”.