Skip to main content
Comarca LUGOXALugo

Besteiro supervisa unha das obras máis complexas da A-54, a autovía que unirá Lugo con Santiago

Por 18 Decembro, 2023Sin comentarios

O presidente da Comisión de Transportes no Congreso e candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou unha das obras máis complexas e singulares da A-54, a autovía que unirá Lugo con Santiago. Trátase do viaduto de Pambre, o máis longo das estradas da provincia de Lugo, que quedará culminado co derradeiro dos seus 16 vanos. O viaduto salva un val de gran beleza natural e patrimonial e forma parte do treito entre Palas de Rei e Melide.

O deputado lucense e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitaron as obras que está a acometer o Executivo nesta autovía e que xa se atopan executadas nun 83% da súa totalidade. Para Besteiro isto supón “un paso máis na conexión da Galicia interior, chave para a conexión de Lugo coa capital galega e para o desenvolvemento social e económico do noso país” e destacou que “os veciños farán o percorrido entre Santiago-Lugo en 50 minutos, a metade do traxecto actual pola nacional N-547”. Entende que estas actuacións van na mesma liña de conectar as dúas realidades de Galicia, liberando dos custes á cidadanía como xa fixo o Goberno de España coa bonificación das peaxes da AP-53 e a AP-9.

“Como lucense, sei ben o urxente que é para o interior de Galicia esta obra”, apuntou Besteiro. Sinalou que esta obra “vai a marcar un antes e un despois na conexión da Galicia interior e a costeira”, así como que agardan “moi boas noticias no 2024” ao consolidarse nos orzamentos do Estado o seguinte treito da obra. Lembrou que “na a era Rajoy non houbo inversión para estes tramos” e que “é a era de Pedro Sánchez é a que marca ese impulso definitivo nas inversións” con case 200 millóns de euros investidos nestes dous tramos.

Nesta liña, o deputado nacional avanzou que “esta autovía permitirá, non só comunicar as provincias da Coruña e Lugo, senón que mellorará tempos, comodidade e seguridade vial. Hoxe existe un tránsito moi alto de peregrinos na estrada nacional e deste modo aforraremos tamén a travesía de Melide”.

Sobre o viaduto de Pambre, un dos elementos máis distintivos da autovía A-54, Besteiro dixo que “é un exemplo do respecto medioambiental e cultural”, unha política que contrasta “coa depredación do patrimonio cultural e patrimonial á que nos ten afeitos a Xunta do PP. A solución con taboleiro único posúe vantaxes construtivas, reduce o impacto no chan pola cimentación e ten máis integración visual e paisaxística ao diminuír o número de pezas”, explicou.

“A aposta do Goberno de Sánchez polas infraestruturas galegas é máis firme ca nunca”, sinalou o presidente da Comisión de Transportes no Congreso e candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, que avanzou que esa aposta quedará reflectida nos orzamentos dos próximos anos e nos proxectos nos que seguiremos a avanzar para garantir a cohesión territorial total do noso país.

Características da obra

O viaduto de Pambre forma parte do treito Palas de Rei-Melide da A-54. Este treito ten unha lonxitude de 28,1 quilómetros. O viaduto ten 977 metros de lonxitude e para a súa construción precisou de 28.400 metros cúbicos de formigón e máis de 4.800 toneladas de aceiro.

Só o taboleiro único deste viaduto, de case un quilómetro, pesa 38.000 toneladas. Ten dúas calzadas, cada unha con dous carrís de 3,50 metros e, con beiravías e mediana, acada unha anchura total do taboleiro de 24,30 metros.