Skip to main content
Antas de Ulla

Lémbrase en Antas de Ulla a importancia da visibilidade na estrada co reparto de 200 chalecos reflectantes

Por 13 Decembro, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presentou en Antas de Ulla unha acción de sensibilización da Agrupación de Tráfico da Garda Civil mediante o reparto de 200 chalecos reflectantes para “lembrar que a visibilidade pode salvar moitas vidas”. Estivo acompañada polo tenente da Garda Civil de Tráfico, José Manuel Santiso, a subxefa provincial, Seila María González, e a alcaldesa, Pilar García Porto.

Isabel Rodríguez explicou que o obxectivo é “loitar contra o goteo de peóns falecidos e feridos, ano tras ano, nas estradas da provincia”, insistindo en que “os chalecos reflectores son cruciais tanto para peóns como para condutores e condutoras”.

Nesta liña asegurou que 2023 pode ser o primeiro ano, desde 2013, no que non falece ningún peón atropelado nas carretas da provincia. Desde entón, perderon a vida 16 peóns por esa causa, que se suman ás moitas decenas de falecidos anteriormente.

A subdelegada lamentou “todos e cada un dos accidentes”, pois o pasado ano contabilizouse un atropelo mortal, mentres que tanto en 2020 como 2021 rexistráronse 2 persoas falecidas, que ascenderon a 5 en 2019.

Con todo, Rodríguez lembrou que “aínda que este ano aínda non teñamos ningunha vítima mortal por esta causa, cuestión que perseguimos con todos os recursos posibles, non quere dicir que conseguísemos rematar co problema”.

No que vai de 2023 hai 9 atropelos con vítimas, que causaron a hospitalización de 6 persoas e 5 feridas non hospitalizadas. Na provincia é habitual que se produzan máis de 10 atropelos cada ano, con máximos de 24 en 2015, 20 en 2018 e 17 en 2021. O ano pasado rexistráronse 11.

“Temos por diante un reto como sociedade de conseguir que ningún peón máis volva perder a vida nun sinistro viario e, desde logo, non retroceder por exceso de confianza”.

Segundo a subdelegada, “a solución pasa necesariamente polo compromiso de peóns e condutores para facerse visibles, manter a atención e cumprir as normas en todo momento. Facerse ver é vital, especialmente cando se circula en vías sen beirarrúas e en condicións de escasa luminosidade. O outono e o inverno son as épocas en que se producen máis sinistros por atropelo”.

Os atropelos en vías urbanas

Aínda que as consecuencias máis graves son na estrada, a maior parte dos atropelos con vítimas teñen lugar en vías urbanas: entre o 70 e o 85% do total durante os últimos anos.

No que vai de ano levamos 50 atropelos con vítimas en zona urbana, 61 o ano pasado, 60 en 2021, 44 en 2019. Tamén con vítimas mortais: 2 en 2017, 1 en 2019, outra en 2022 e ningunha de momento este ano.

Campaña especial de vixilancia de alcol e drogas ao volante

Ademais, desde Tráfico lembran que durante estes días, desde o 11 ata o 17 de decembro, a DXT está a levar a cabo unha campaña especial de vixilancia sobre o risco que supón conducir cando se tomou alcol ou drogas.

Para iso, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil (ATGC), así como das policías locais que sumaron á campaña, establecerán diferentes puntos de control en todo tipo de estradas, así como nos centros urbanos, e a calquera hora do día.

En particular, durante estes días previos ao Nadal, nos que se celebran gran cantidade de ceas ou reunións con familiares e amigos nas que o alcol adoita estar presente, é importante lembrar que, ao volante, a única taxa segura é 0,0%.

“Se quedamos para cear ou tomar algo, é vital que a persoa que teña que conducir se absteña de beber. Outra alternativa é organizar a reunión prescindindo de antemán do coche e optando por outra forma de volver a casa”.

A nivel nacional, o consumo de alcol mantense unha das causas concorrentes máis frecuentes nos sinistros de tráfico, estando presente no 14% dos sinistros con vítimas en 2022 e, como factor concorrente, no 29% daqueles que rexistraron vítimas mortais.