Skip to main content
Antas de Ulla

Vaise renovar integralmente a estrada que dá acceso ao Parque Central de Galicia grazas a unha achega da Deputación

Por 23 Decembro, 2023Decembro 24th, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou un investimento de preto de 600.000 euros para a renovación integral da estrada que dá acceso ao Parque Central de Galicia, o proxecto que impulsa a institución provincial para poñer en valor o centro xeográfico da comunidade autónoma, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante de Antas de Ulla, segundo determinou o Instituto Xeográfico Nacional.

A Xunta de Goberno vén de aprobar con este orzamento a licitación das obras para anchear e mellorar a LU-P-0301, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0,3 e 3,6, que son os que van dende a capitalidade de Antas de Ulla ata o Parque Central de Galicia. Polo tanto, servirá para dar servizo ao alto volume de tráfico que  terá cando este novo reclamo turístico polo que aposta a Deputación estea en funcionamento.

O presidente da Deputación subliñou que a estrada “é moi importante xa a día de hoxe para os veciños porque comunica coa provincia de Pontevedra por Rodeiro, pero gañará moita máis relevancia porque será a principal arteria de comunicación para acceder ao Parque Central de Galicia”. As obras, incidiu, “son fundamentais para completar este novo atractivo turístico, que se converterá nun revulsivo moi importante para a promoción económica e social do concello de Antas de Ulla, da comarca da Ulloa e do conxunto da provincia de Lugo”.

En que consisten as obras

O proxecto da Deputación de Lugo para a renovación integral da LU-P-0301, entre os puntos quilométricos 0,3 e 3,6, inclúe o ensanche de varios treitos co obxectivo de que o tránsito de vehículos nas dúas direccións sexa cómodo e seguro. Para iso, será necesario expropiar terreos que agora mesmo pertencen a propietarios e propietarias particulares.

Logo será preciso realizar as correspondentes tarefas de drenaxe, coa colocación de tubaxes axeitadas, ademais de limpar as cunetas. A continuación, procederase á pavimentación con aglomerado en quente en todo o trazado e á sinalización da estrada con marcas reflexivas brancas, ademais de renovar as sinais verticais que non se atopen en bo estado de conservación. O prazo de execución das obras é de 6 meses, unha vez iniciadas.

O Parque Central de Galicia

O presidente da Deputación impulsa a creación do Parque Central de Galicia para poñer en valor o centro xeográfico da comunidade autónoma. A institución provincial xa habilitou a zona de aparcamento, na que investiu 250.000 euros, e tamén acometeu os traballos de acondicionamento e laboreo dos terreos nas parcelas que adquiriu para crear este gran espazo público. Así mesmo, ten adxudicado por un importe de máis de 1,3 millóns de euros o proxecto de construción do Parque, que inclúe un pórtico de entrada, unha praza e un monolito, un templete, un edificio multiusos, un parque infantil e fontes, ademais de iluminación, sinalización e diferente mobiliario.