Skip to main content
Lugo

Aira reclama no Parlamento a continuidade do consultorio de Nadela e dotalo de máis recursos

Por 1 Decembro, 2023Sin comentarios

A deputada do BNG Carme Aira reclamou á Consellería de Sanidade a continuidade do consultorio de Nadela porque, segundo asegurou, “aparentemente vai manter a súa apertura a medio gas e o máis probable é que tralas eleccións autonómicas acabe pechando definitivamente, deixando a 730 persoas e a un extenso territorio sen atención de proximidade”.

Aira preguntou á directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, sobre os plans da Consellería de Sanidade para este consultorio que, lembrou, xa pasou todo o verán pechado -até finais de setembro- dende que o facultativo titular da praza se xubilase en xuño. Logo das protestas veciñais, explicou, houbo “aparentemente” un “xiro de guión” e o Goberno do PP “pasou de anunciar que o deixarían como centro de atención a pacientes crónicos a ter un facultativo tres días á semana, mantendo a enfermeira os cinco”.

Porén, Carme Aira considerou isto “a todas luces insuficiente”, pois non se garante a atención médica por unha mesma persoa e, ademais, “o cambio dos días de xeito discrecional dificúltalle á poboación saber cando conta ou non cun médico ou médica nun pírrico horario de catro horas”.

A deputada do BNG lembrou que o periférico de Nadela atende a máis de 700 veciños e a “un extenso territorio sen atención de proximidade” que abarca ata sete parroquias. “Presumimos que as persoas dos lugares máis afastados se vexan en dificultades para acudir ao novo centro de Lugo dun xeito autónomo, o que vai ter impacto tamén nas e nos seus familiares, dos que dependerán para acudir a recibir asistencia”.

Aira amosou o apoio do BNG ás reivindicacións veciñais e reclamou o restablecemento da atención primaria convencional no consultorio de Nadela para atender á súa poboación dando a asistencia a crónicos como parte da atención primaria habitual.

Criticou, por outra banda, que o Sergas “leva anos organizando a atención primaria en función dos procesos administrativos relacionados co persoal” e lamentou, neste sentido, que malia que a Consellería de Sanidade tiña claro dende hai anos que ían faltar profesionais da medicina, non tomase medida algunha, desembocando isto na “fatalidade actual” que supón o “desmantelamento dun servizo fundamental que deixa desprotexida á poboación que o único que reclama é o dereito a vivir un pouco máis con mellor calidade de vida”.