Skip to main content
Lugo

Sen avances no conflito da limpeza logo dunha nova negociación

Por 5 Decembro, 2023Sin comentarios

A reunión da mediación do conflito da limpeza de Lugo celebrada este luns rematou sen ningún tipo de avance “a causa da postura inmobilista da patronal estatal ASPEL que teima na conxelación salarial para o ano 2022 e nunha proposta económica que suporía seguir deixando o convenio provincial por debaixo do SMI”, explican desde a CIG.

Para a parte social, subliña Asunción Castiñeira, representante da CIG-Servizos, conseguir un incremento para 2022 en táboas é unha das liñas vermellas, “tendo en conta que ese ano o IPC rematou no 5,7%, agravando a perda do poder adquisitivo que xa arrastraban as traballadoras debido á elevada inflación do ano previo (cun IPC real do 6,5%) e á conxelación dos salarios dende que venceu o convenio”.

“Pero a patronal mantén unha postura exactamente igual a cando comezamos as negociacións, de incremento do 0% para 2022, sen unha oferta que mellore as subas do resto dos anos do convenio ou os demais conceptos salariais, e coa negativa rotunda a negociar melloras noutras materias sociais ou laborais, como a xornada”, apunta Castiñeira.

Explica que, en aras de facilitar un achegamento, a parte social mesmo abriu a posibilidade de negociar un acordo de prazos e cantidades para abonar eses atrasos, que a patronal non aceptou. De igual xeito, a representación sindical manifestou a súa disposición a ampliar a vixencia do convenio -como quere o empresariado-, “pero sempre que implique algunha contraprestación para as traballadoras”.

“A isto hai que engadir as pretensións de ASPEL de modificar o cálculo dos trienios, pasando a ser unha contía fixa en vez dunha porcentaxe do salario base como se regula agora en convenio. Isto suporía para as traballadoras perder cartos nos próximos anos e que, ademais, as próximas subas do SMI non lles beneficien xa que seguirían sendo absorbidas pola antigüidade”, engaden.

Aínda que a parte social tamén trasladou a vontade para seguir negociando ao longo destasemana, “dende ASPEL dixeron que non podían reunirse até o día 13”. Polo que a seguinte xuntanza da mediación será ás portas de cumprírense os dous meses de folga indefinida. “En definitiva, critica Castiñeira, hoxe evidenciouse novamente que a patronal non ten ningunha vontade de solucionar o conflito nin de garantir unhas condicións dignas para o sector”.

Asemblea de traballadoras

Na xornada de hoxe, está convocada asemblea de traballadoras para informar da reunión, avaliar a situación da negociación colectiva e acordar as próximas accións a levar adiante. Pola tarde, un grupo de traballadoras desprazaranse até Santiago de Compostela para asistir á sesión do pleno do parlamento onde se tratará unha iniciativa sobre a situación da limpeza de Lugo e para instar a intervención da administración galega no conflito.

Ademais, as traballadoras manteñen a caravana reivindicativa diante do edificio multiusos da Xunta e proseguirán coas accións diarias nas rúas, nas institucións e onde sexa preciso para visibilizar a súa loita e reclamar un convenio colectivo con salarios xustos e condicións dignas.