Skip to main content
Lugo

A UNED Lugo celebrou a cerimonia de apertura do curso

Por 5 Decembro, 2023Sin comentarios

A UNED Lugo celebrou este luns a cerimonia de apertura do curso académico 2023/2024 do Centro Asociado da UNED en Lugo, un acto ao que asistiron o presidente da Deputación, a vicerreitora de Economía da Universidade Nacional de Educación a Distancia, Amelia Pérez Zabaleta, o tenente de alcaldesa do Concello de Lugo Miguel Fernández, e a directora da sede universitaria lucense, Ana Belén Traseira, .

O mandatario provincial subliñou “o papel determinante” da Deputación para “implantar e consolidar na provincia un ensino superior público de calidade, pegado á realidade do tecido produtivo, e accesible a todos e a todas”. Lembrou que a institución provincial financiou a construción do propio centro da UNED en Lugo, “o que permitiu corrixir un déficit, pois ata entón era a única capital de provincia en Galicia que non contaba cunha sede propia”. Ademais, destacou, a lucense é a institución provincial de España que máis recursos achega para a Universidade pública.

O presidente reivindicou o “compromiso constante” da Deputación na defensa do “carácter universitario” da provincia de Lugo, aludindo ás recentes noticias sobre o intento de reducir a oferta educativa do Campus de Lugo, o que “nos levou a alzar a voz con contundencia”. “Reducir estudos universitarios non é unha proposta de futuro. Todo o contrario, significa involución, retroceso. Pechar centros educativos, e volver ao modelo decimonónico de estudar na capital, tan só serve para agrandar o desequilibrio territorial. E no desequilibrio non se poden asentar modelos de progreso”, asegurou.

Por iso, apelou ao “traballo conxunto” para “defender uns estudos que están xerando un retorno económico moi positivo”. De feito, sinalou, “a Universidade pública devolve á sociedade 5 euros por cada euro investido”.

Na reivindicación do carácter universitario da provincia, José Tomé puxo en valor o modelo educativo e a “excelencia académica” da UNED de Lugo, que, xunto coas aulas de Foz, Monforte de Lemos e Viveiro, “segue renovando cada día o obxectivo fundacional desta Universidade e continúa incorporando con éxito valores como a igualdade e a sostibilidade, nos que se está consolidado como un referente a nivel nacional”.