Skip to main content
Lugo

O Concello renovará a contorna do Centro Integral de Saúde da Residencia

Por 5 Decembro, 2023Sin comentarios

O Concello inviste máis de 252.000 euros en mellorar a contorna do Centro Integral de Saúde da Residencia. O proxecto, cuxa licitación será aprobada o xoves en Xunta de Goberno, inclúe a renovación e ampliación das beirarrúas nas vías adxacentes ao complexo administrativo, así como a dotación dun novo sistema de alumeado público deseñado baixo criterios de perspectivas de xénero. “O obxectivo deste importante investimento é acometer unha modernización dos espazos públicos neste punto neurálxico do barrio da Residencia. O proxecto contribuirá a mellora dos accesos aos equipamentos da zona, non só no CIS, senón tamén no transporte público, nos espazos para aparcadoiros ou nos espazos comerciais actuais e futuros do barrio”, sinalou a concelleira de Urbanismo, Paula Alvarellos.

Estes traballos, cuxo prazo de execución será de tres meses, prevén a dotación dun novo alumeado composto por un sistema de tecnoloxía LED de máxima eficiencia enerxética. A rede dará servizo a toda a contorna do complexo administrativo, incluíndo as vías de tránsito de vehículos e as zonas peonís. Ademais, estará xestionada por un cadro de mando que permitirá unha administración intelixente dos recursos enerxéticos. En total está previsto instalar un sistema capaz de soportar unha potencia total de 8.215 watios, o que supera as necesidades da nova instalación, permitindo así futuras ampliacións.

Así mesmo, o Goberno local aposta pola reposición completa das beirarrúas nas vías adxacentes ao complexo administrativo que, en moitos puntos, serán ampliadas ata un mínimo de 1,8 metros de ancho. Do mesmo xeito, serán instalados novos sumidoiros nas zonas que así o requiran para evitar apozamentos de auga e realizarase unha disposición dos elementos urbanos que permita un uso máis racional do espazo. “Co novo redimensionamento das zonas peonís buscamos unha mellora substancial da accesibilidade ao tempo que se ampla a zona de tránsito promovendo un incremento da actividade social neste punto do barrio da Residencia.”, explicou Alvarellos.

“Este investimento busca unha dinamización comercial e social do barrio da Residencia. Ao abordar a planificación e deseño desta obra de modernización cunha perspectiva de xénero, maximizamos os beneficios para os e as residentes das rúas Serra de Outes e Saúde, así como para os usuarios e as usuarias da zona, atendeno as necesidades específicas das mulleres e promovendo contornas urbanas máis inclusivase seguras, como estamos a facer en todo o proceso de transformación da cidade”, concluíu a edila.