Skip to main content
Lugo

A praza de Abastos acolleu a presentación dun receitario con peixes de proximidade

Por 5 Decembro, 2023Sin comentarios

Rubén Arroxo, tenente alcalde do Concello de Lugo, acompañado de concelleiras e concelleiros, achegouse ata a praza de Abastos, onde se presentou o receitario da Asociación de Armadores do Cerco de Galiza. Baixo o título O Cerco, un xeito de vida, a Acerga reúne unha ducia de receitas con peixe de proximidade para cociñar ao longo do ano. Rubén Arroxo destacou á Praza e ao Mercado como “dous referentes do comercio de proximidade”, ao tratarse de dúas instalacións “nas que traballamos en fomentar os produtos de Km0, procedentes de produtores locais e galegos”.

Tras a presentación, a cociña da Praza acolleu unha mostra de produtos baseados no peixe do cerco, a cargo da asociación Cociñeiros Lugo, mostrando as distintas receitas do libro elaborado pola Acerga. Cristina López destacou que a cociña da Praza de Abastos “permítennos achegar experiencias únicas coma esta mostra a cargo de recoñecidos cociñeiros da cidade”.

A concelleira de Participación afirmou que “continuamos a promocionar a Praza e o Mercado para facilitar que toda a veciñanza poida coñecer os produtos de primeira calidade que se comercian nestas instalacións”. Cristina López animou á veciñanza a “realizar as súas compras na Praza e no Mercado e desfrutar da atención personalizada das e dos distintos comerciantes da instalación”.