Skip to main content
Lugo

O Nadal Fest presenta o seu programa para o día 21

Por 5 Decembro, 2023Sin comentarios

O Concello de Lugo organiza unha nova edición do Nadal Fest. O evento, que este ano chega a súa terceira edición, aspira a consolidarse como cita ineludible para a mocidade lucense coa mellor selección de música urbana do panorama galego e nacional. “O obxectivo é acadar que esta cita sexa un referente durante as vacacións académicas do período invernal centrándose nun público receptivo ás tendencias urbanas e electrónicas”, informou Bustos.

Deste xeito, o trapero Soge Culebra, Galiciam Army e Cool Nenas serán os protagonistas da III edición do Nadal Fest, que este ano aposta por formacións cunha impoñente posta en escena. De feito, Soge Culebra é na actualidade un dos músicos máis representativos da nova fornada da música urbana. Con apenas 24 anos ten máis de 800.000 subscritores en Youtube, 3,6 millóns de oíntes mensuais en Spotify e o seu último tema, en colaboración con Quevedo, sitúao no top 4 de tendencias con máis de 3,5 millóns de visualizacións en 2 meses.

Pola súa parte, Galician Army é xa unha formación completamente consolidada. O dúo galego, con raíces en Lugo, estivo en moitos dos grandes festivais e citas musicais do verán e volven a Lugo co seu son único e pegadizo, con toques de house e dance, para reivindicarse como un dos máximos expoñentes da música electrónica actual. Tras eles, pechará o evento a actuación de Cool Nenas. A expresión “pura enerxía”, é a súa mellor definición segundo os críticos musicais. As súas sesións son unha auténtica festa e para moitos xa son a nova sensación das pistas de baile no noroeste peninsular. Unha proposta fresca e lúdica que vai máis aló do concepto tradicional de djs.

“Este ano a aposta é clara. Contaremos con artistas que destacan polos seus directos e que se sitúan a vangarda da creación musical os seus respectivos estilos. Os concertos vanse celebrar na praza da Soidade o próximo día 21 a partir das 21 horas. Instalaremos unha carpa e a entrada será de balde. Ademais, ao ser a ultima festa xuvenil do ano, ao concluír as actuacións tomaremos as uvas todos xuntos. Será a forma de poñer o broche de ouro a un ano repleto de actividades que están a ter unha gran acollida entre a nosa mocidade”, sinalou o edil.

Últimas actividades do ano

O concelleiro aproveitou tamén para facer un chamamento a tódolos mozos e mozas a sumarse ás actividades que a concellería de Xuventude ten programadas neste último trimestre do ano e que continúan de cara as datas de Nadal.

A oferta lúdica para esta recta final do ano inclúe batukada, ioga, xadrez. Ademais, está dispoñibles para o día 21 e 22 de decembro varias quendas para participar na actividade Escape Room. E tamén, dentro desta programación, hai prazas libres para a ruta de sendeirismo prevista para o próximo día 16 na que se ascenderá ao cumio dos Tres Bispos, así como para o roteiro en e-bike previsto para o próximo día 9 de decembro.

Neste senso, Bustos lembrou que segue aberta a opción de sumarse á orquestra Terra Nova, de recente creación e dirixida polo músico Nicolás Ravelli Barreiro. Unha formación que está tendo lugar todos os sábados, de 11.00 horas a 14.00 horas, na Casa da Xuventude. Para poder participar nestas actividades, os e as mozas deberán inscribirse a través da web xuventudelugo.gal.