Skip to main content
Lugo

O BNG asegura que o CIS da Residencia non mellora a atención sanitaria en Lugo

Por 7 Decembro, 2023Sin comentarios

O BNG de Lugo asegura que o CIS da Residencia non conta cos mesmos servizos que outros centros similares. Deste xeito, a formación política reclama á Xunta de Galiza que o centro integral de saúde supoña “un verdadeiro aumento de servizos na atención sanitaria de Lugo”, segundo explicou Alexandre Penas, concelleiro do BNG en Lugo.

Segundo aseguran, o centro non supón un aumento de servizos nin de persoal polo que é “basicamente un envoltorio que non aumenta a calidade da atención sanitaria en Lugo”. Para o BNG, a estrea do novo edificio é o momento ideal para aumentar a oferta de servizos e acadar melloras reivindicadas pola veciñanza, especialmente nun barrio que leva sufrindo a perda de instalacións nos últimos 13 anos, desde o peche do antigo hospital.

“O CIS de Lugo é un claro exemplo da ofensiva do Partido Popular contra a sanidade pública, temos un centro cunha carteira de servizos inferior ao de outras zonas de menor poboación”, afirmou Alexandre Penas. O concelleiro indica que a atención sanitaria permanece igual polo que dende o BNG “seguiremos a traballar para que Lugo conte cos servizos que merece”.