Skip to main content
Lugo

Isabel Rodríguez entregou aos nenos do Divino Maestro o carné de Ciberexpert@

Por 11 Decembro, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, participou hoxe na entrega dos 25 carnés de cibexpert@ aos alumnos e alumnas de 6º de primaria do colexio Divino Maestro. A subdelegada destacou a importancia de que os menores saiban usar as novas tecnoloxías e coñezan ferramentas para protexerse na rede.

Isabel Rodríguez estivo acompañada polo formador da Policía, Rubén Darío Veiga; o director do centro, José Luis García; e a orientadora, Mónica González, agradecendo o esforzo das alumnas e alumnos por completar o programa desenvolvido pola Policía Nacional para dar unha formación ao alumnado en materia de uso seguro de internet, o que implica acceso a redes sociais ou adiccións na rede, entre outros temas.

“Con este plan formativo todo o alumnado aprende a empregar as redes sociais e controlar os perigos destas, así como a forma de actuar que deben adoptar ante casos que amosan un uso indebido das TIC. Agradezo ao Corpo de Policía Nacional a acción neste colexio, que constata que cada vez é máis necesario este tipo de apoio ao alumnado, xa que nestes tempos estamos vendo os malos usos da tecnoloxía en menores de idade, e que moitas veces pasa desapercibido polas familias” explicou a subdelegada.

Estes alumnos forman parte da primeira remesa de nenos e nenas que recibiron o seu carné de Ciberexpert@ neste curso 2023/2024, e está previsto que máis escolares reciban estes carnés que lles certifica a realización dunha formación centrada en detectar os perigos da rede e actuar de forma correcta, rematando cun test final de coñecementos. O programa abordou con expertos da Policía Nacional o ciberacoso, as adiccións dixitais, a suplantación de identidade, o acceso a contidos inapropiados, a xestión da privacidade ou a mediación parental.

Neste senso, o Goberno aposta polo uso das novas tecnoloxías seguras e a dixitalización das aulas na provincia, por iso o colexio tamén acadou unha subvención de 19.514,88 euros para avanzar no proceso de dixitalización, adquirindo pantallas interactivas e novos equipamentos informáticos en 7 aulas do centro grazas á financiamento con cargo aos fondos Next Generation da UE e ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Sensibilización e formación

O Plan Director pertencente á Unidade Central de Participación Cidadá da Policía Nacional, que coordina e xestiona esta ferramenta preventiva e formativa no ámbito educativo para cuestións de sensibilización e formación aos menores no que atinxe aos riscos das novas tecnoloxías, o uso de ferramentas que facilitan a navegación, a xestión da intimidade nas redes e adquisición de habilidades para unha comunicación segura en redes sociais.