Skip to main content
Lugo

Veciños da Milagrosa piden información ao conselleiro do futuro do centro de saúde de Río Ser

Por 12 Decembro, 2023Sin comentarios

A Asociación de Veciños da Milagrosa vén de escribir unha carta ao conselleiro de Sanidade, na que pide información real sobre o novo centro de saúde.

“No noso barrio (20.000 habitantes) circulan todo tipo de rumores entorno ao futuro do noso centro de saúde da Rúa Río Ser. Ante a falta total de información por parte das autoridades sanitarias e políticas da Xunta, quixéramos trasladarlle a nosa preocupación, como única Asociación de Veciños e Comerciantes representativa do noso barrio”, escriben.

Piden explicacións sobre canto tempo, fases e orzamento da reforma que se promove no noso centro de saúde. “Polo que vemos no vindeiro 2024 investirán vostedes 700.000 euros na reforma. Partindo de que o orzamento total é de preto de 3 millóns de euros, preguntámonos se isto significa que tardarán vostedes máis de 4 anos en completar a reforma. Avaliaron vostedes, preguntámonos, as molestias, traslados, distancias a percorrer, … para moitas persoas maiores do noso barrio?”

Afirman os membros da asociación que se vai desmantelar, para beneficiar a outro barrio da cidade, a asistencia sanitaria do barrio da Milagrosa. Tamén preguntan canto vai durar o traslado de cartillas do centro da Rúa Río Ser aos edificios do vello Xeral. Que servizos quedarán, despois da reforma, no centro da Rúa Río Ser, e que criterios utilizaron para os temas destas decisións. “É verdade que pretenden ir pechando paulatinamente o noso Centro de Saúde? Son moitas as preguntas que actualmente están sen resposta, porque vostedes actúan de forma totalmente oscurantista, sen dar información, sen participación ningunha do tecido asociativo”, reclaman.

“Quixeramos lembrarlles que cobran vostedes dos nosos impostos e polo tanto temos todo o dereito do mundo a pedirlles explicacións das súas actuacións ou decisións. E como mínimo lamentable que teñamos que recorrer aos medios de comunicación, para que vostedes nos dean algunha explicación da asistencia sanitaria que nos planifican para o vindeiro futuro. Agradeceríamos que polo menos, nos contestaran ás interrogantes que lles presentamos, (é a súa obriga), antes de tomar outro tipo de medidas, pola nosa parte que non sexan simplemente as de pedir información”, conclúen na misiva.