Skip to main content
Lugo

A Deputación pon en marcha un taller sobre prevención e xestión de conflitos de interese

Por 12 Decembro, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este martes no Pazo de San Marcos un taller práctico sobre prevención e xestión de conflitos de interese no ámbito local, organizado pola institución provincial e o Consello de Contas de Galicia. Trátase dunha acción formativa, orientada tanto a representantes institucionais como a empregados públicos, e que reuniu a medio cento de persoas no Salón de Actos.

A cita contou como poñente principal con Concepción Campos Acuña, Doutora en Dereito e codirectora de Red Localis-Rede Local de Administración Pública, e coa presenza do Conselleiro de Consello de Contas, Simón Rego. A Deputación é “unha Aadministración aberta, no sentido máis plural desta palabra”, subliñou José Tomé. Por este motivo, mantéñense “sempre abertos a colaborar co tecido social ou con outras instancias da administración en actividades coma esta, que redundan nunha mellora do servizo que se presta aos cidadáns”. Tomé referiuse ao organismo como unha administración aberta, “transparente na xestión, e comprometida na loita contra a fraude ou contra calquera tipo de irregularidade na xestión dos fondos públicos, que son de todos os cidadáns”.

Plan de Medidas Antifraude

Neste sentido, lembrou que a institución provincial ten dende mediados do pasado ano 2022 un Plan de Medidas Antifraude, aprobado por unanimidade no Pleno, e tamén presta asesoramento aos concellos que o solicitaron para elaborar un protocolo destas mesmas características.

O presidente puxo en valor o obxectivo das xornadas, en tanto que a administración local é “a máis próxima ao cidadán e, por iso, calquera deficiencia que nela se produce ten un efecto especialmente desmotivador na sociedade”. De feito, recalcou,             que a confianza nas institucións “comeza por fomentar a confianza nos nosos concellos”.

Así mesmo, incidiu que as accións formativas coma esta facilitan aos concellos as ferramentas de xestión coas que previr calquera irregularidade, sendo “un bo camiño para respaldar e para avanzar na reclamación que veño facendo como presidente da Deputación sobre a necesidade de incrementar a participación directa das administracións locais nos fondos da Unión Europea”.

Os contidos

A xornada estrutúrase nunha primeira parte coa exposición dos principais aspectos regulamentarios que afectan á xestión dos conflitos de intereses, cun enfoque práctico e directo, centrado na realidade operativa e funcional das entidades locais. Na segunda parte, de tres horas de duración, trabállase en grupos para a identificación, delimitación e comprensión da figura do conflito de interese, a xestión dos riscos asociados, as claves para a súa detección e resolución dos eventuais conflitos que puideran formularse, e posta en común de conclusións para a aprendizaxe e implementación do procedemento de xestión.

En concreto, os contidos céntrase no conflito de intereses na xestión pública local: concepto e tipoloxía; figuras afíns na lexislación: abstención e recusación e supostos de incompatibilidade no ámbito local; as especialidades do mundo local: a dualidade política/empregados públicos; medidas de transparencia e declaración de bens e intereses como medidas de prevención e a xestión dos conflitos de intereses como medida de prevención do fraude e a corrupción.

Ademais tamén se fala sobre o papel da Declaración de Ausencia de Conflitos de Intereses (DACI) como medida de continxencia do risco de fraude e corrupción; medidas para abordar a xestión dos conflitos de intereses: aspectos de procedemento e especialidades da contratación pública e o conflito de intereses nos Plans de Medidas Antifraude para a xestión de fondos europeos.

Así mesmo, nesta mesma xornada efectuarase unha presentación dos principais traballos efectuados dende a área de Corporacións Locais do Consello de Contas en materia de prevención do fraude e o fomento de marcos de integridade pública na xestión, nomeadamente o Informe de Avaliación dos Sistemas dos Fondos Next Generation da UE.