Skip to main content
Lugo

A praza de San Marcos acolleu o sorteo dos 3.000 euros da campaña Merca na Rúa

Por 13 Decembro, 2023Sin comentarios

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes no sorteo público dun único premio de 3.000 euros no marco da campaña Merca na Rúa impulsada pola Deputación de Lugo e a Federación de Comercio para apoiar e incentivar as compras do comercio local na capital lucense durante esta época de Nadal. No sorteo, que tivo lugar nunha carpa instalada diante da Praza de San Marcos, tamén estivo presente o presidente da Federación de Comercio, José María Seijas López, e o Concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto.

Pablo Rivera xunto a man inocente dun neno foron os encargados de extraer da urna o boleto gañador entre os centos de papeletas trocadas polos consumidores dun total de 8.000 operacións realizadas, nun acto que concentrou na tarde do día de hoxe a un grande número de persoas na praza de San Marcos. Mañá terá lugar a xornada de compras na que o agraciado deberá percorrer polo menos oito tendas adheridas á campaña e gastar en cada unha delas un mínimo de 100 euros. O Deputado daralle ao premiado a saída ás 17:00 e terá ata as 20:00 horas para realizar as compras. Rivera Capón agradeceu aos lucenses e aos 100 comercios da capital “a participación na campaña que mobilizou a actividade comercial estes días tan importantes de gran consumo para o noso comercio máis próximo”.

A da capital forma parte da campaña que a Deputación financia con 50.000 euros, co obxectivo de promocionar o sector comercial de proximidade da provincia e incentivar as vendas na recta final do ano. A iniciativa culminará este xoves, 14 de decembro, no Pazo de San Marcos cunha Gala do Comercio na que os 17 negocios da provincia máis valorados pola clientela recibirán premios de 500 euros cada un.