Skip to main content
Lugo

O Concello xa ten preparados para a permuta os terreos do novo centro de saúde do Sagrado Corazón

Por 14 Decembro, 2023Sin comentarios

A Alcaldía de Lugo comunicoullo esta mesma mañá á Consellería de Sanidade, ao tempo que se estudan as necesidades de espazo da dotación para formalizar o Convenio canto antes.

O Executivo de Lara Méndez anunciou esta mañá que o Concello de Lugo e Afundación xa se atopan en disposición de permutar os terreos que anteriormente ocupaba o antigo colexio público do Sagrado Corazón por outros de titularidade municipal co obxectivo de que se poida construír neles un novo centro médico.

A voceira municipal, Paula Alvarellos, explicou que “esta mañá a área de Alcaldía puxo en coñecemento da Consellería de Sanidade esta situación ao tempo que estudamos as necesidades que require acometer a actuación e que o Sergas cuantificou en 1.534 m²”.

A edil, titular da área de Patrimonio, referiu que “dende a entidade bancaria comunicaron nestes días a súa conformidade ao acordo, culminando así o proceso de negociación, de forma que se está ultimando o borrador para poder asinar canto antes o Convenio a tres bandas e que a Xunta dispoña á maior brevidade da parcela e á maior brevidade tamén, inicie a tramitación do proxecto”.

Alvarellos Fondo lembrou que o soar no que se asentaba o centro educativo abrangue unha superficie de 5.764’59 m², cuxa catalogación se corresponde, integramente, cun uso dotacional público.

“Entendemos que cumpre á perfección o cometido de albergar un centro de atención primaria acorde ás demandas da cidadanía no que se dará servizo a máis de 7.000 persoas, rematando coa precariedade das dependencias actuais que adoecen, entre outras eivas, dunhas condicións axeitadas de accesibilidade”, sinalou a concelleira que, antes de concluír, adiantou igualmente que o Concello avaliará á continuación que utilidade darlle á superficie sobrante.