Skip to main content
Lugo

Claudio Rodríguez Fer presenta un novo poemario en varios idiomas

Por 20 Decembro, 2023Sin comentarios

A Casa do Saber acolle este xoves 21 de decembro, ás 19:00 horas, a presentación do libro A Cabeleira (Poema en 70 idiomas), publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Claudio Rodríguez Fer.

No acto participarán a escritora, profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e autora do debuxo e caligrama das cubertas, Carmen Blanco, e o propio autor, Claudio Rodríguez Fer, escritor e director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC.

Así mesmo, configurada esta presentación como un recital multilingüe, tamén participarán activamente varios dos colaboradores encargados da tradución do poema a diversas linguas. En concreto,  os asistentes desfrutarán do recitado en galego por parte do propio Claudio Rodríguez Fer, en portugués, Saturnino Valladares; en asturiano, Manuela Aira; en castelán, Valle López de la Villa; en catalán, Mar Sasha Kuitenbrouwer Cuéllar; en francés, María Lopo; en italiano, Silvia Alonso; en romanés, Adina Ioana Vladu; en latín, José María Anguita Jaén; en inglés, JoDee Anderson; en alemán, Tania Vila; en neerlandés, Bambú Naia Kuitenbrouwer Cuéllar; en grego clásico, Sula Repani; en grego moderno, Irene Doval Reixa; en ruso, Anne Nikitik; en coreano, Laura Aira; en chinés, Alma López Figueiras; en xaponés, Beatriz Pin; en barallete, Laura Paz Fentanes; e en esperanto, Cristina Fiaño.

Así mesmo, contarase cunha performance de Os sen nome con dramaturxia de Paloma Lugilde.

O libro

A Cabeleira (Poema en 70 idiomas) é, tal e como o seu título indica, unha recompilación do poema homónimo do escritor lucense Claudio Rodríguez Fer en 70 idiomas diferentes. A peza, tal como sinala o propio autor foi escrita “en varios momentos do verán de 1984, concretamente durante unha estancia en Fisterra, unha viaxe a París e unha excursión ao Courel, dende logo motivado pola longa cabeleira de Carmen Blanco”. Inicialmente foi publicada en 1995 en catro linguas: orixinal en galego e traducións de Olga Novo ao castelán, Diana Conchado ao inglés e María Lopo ao francés. Vinte anos despois editouse en 35 idiomas e logo en 60, ata chegar aos 70 da nova publicación.

A publicación do libro, editado por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.