Skip to main content
Lugo

Carmen Durán defende en Lugo que Galicia ten o mellor calendario de vacinas do mundo

Por 22 Decembro, 2023Sin comentarios

“Galicia ten o mellor calendario de vacinas do mundo e a mellor carteira de cribados de España”, segundo concluíu a presidenta da Comisión de Sanidade do PP lucense e portavoz de Sanidade do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Encarna Amigo, trala reunión informativa na que a Directora Xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, abordou os retos de presente e futuro e por onde avanza Galicia en materia de saúde pública.

A deputada lucense subliñou durante o encontro, enmarcado dentro do #EspazoAbertoPopular co que o PP da provincia pretende achegar o Partido aos lucenses abordando distintos temas de interese social, que “o Goberno galego cre na sanidade pública e aposta cada día pola súa mellora constante para acadar a excelencia, pensando nos doentes e na saúde dos galegos” e para iso “dirixe cada ano máis prestacións e mellores recursos”.

Así mesmo, Amigo lembrou que “a saúde pública ten un peso importante nos orzamentos da consellería de Sanidade para 2024 aprobados esta mesma semana no Parlamento de Galicia e que superan os 5.000 millóns de euros supoñendo un incremento dun 4,4% con respecto á anualidade anterior”.

A popular dixo que “sabemos que hai déficit de persoal sanitario -de médicos en particular- polo que Galicia leva anos reivindicándolle ao Goberno central que aumente o número de prazas para formar médicos”. No ámbito do persoal sanitario, “a Xunta incrementa para o 2024 nun 8% a partida orzamentaria que se dirixirá ás melloras salariais pactadas e á creación de máis de 1.700 prazas novas estruturais no Sergas no 2024 para consolidar o aumento do cadro de persoal producido durante a pandemia”.

PREVENCIÓN E DETECCIÓN

É que “a Xunta está a apostar de forma decidida pola prevención e a detección precoz a través de vacinas e cribados. Xa ten duplicado o orzamento neste ámbito durante esta lexislatura e para o 2024 incrementarase nun 40% o dirixido ao Programa galego de vacinación”. Isto permitirá “consolidar o calendario de inmunizacións máis completo do mundo que inclúe a incorporación nestes anos das vacinas de meninxite B, rotavirus ou herpes zóster ás que se suma á inmunización fronte o VRS (virus respiratorio sincitial) sendo a sanidade pública galega a primeira do mundo en incorporala e a ampliación de cobertura ou mellora da calidade das do meningococo, o pneumococo, papiloma humano ou antigripal tetravalente”.

O investimento en cribados tamén se duplicou dende 2020, o que permitiu consolidar programas para a detección precoz do cancro de colon a tódolos galegos e galegas en risco, ampliar a cobertura do cribado de cancro de mama dende os 69 aos 74 anos e estender a toda Galicia o de cancro de cérvix (o segundo máis frecuente entre a poboación feminina), adiantándose dous anos á data marcada por Europa e cando a maioría das comunidades autónomas están aínda iniciando a súa implantación.

A Xunta tamén reforza o cribado neonatal con novas patoloxías acadando un total de 34 como recolle o Programa galego para a detección precoz de enfermidades xenéticas, endócrinas e metabólicas aprobado a finais do pasado mes de novembro. “Trátase da máis ampla carteira de cribado neonatal de todo o Sistema Nacional de Saúde, que unicamente marca sete enfermidades na carteira básica”, remarca a popular.

De feito, o Programa de Cribado Neonatal da Xunta de Galicia vén de recibir un recoñecemento específico na categoría de liderado en políticas sanitarias no marco da II Edición dos Premios Imparables Sanitarios.