Skip to main content
Lugo

A cabalgata de Reis terá unha temática medioambiental

Por 29 Decembro, 2023Sin comentarios

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, deron a coñecer os pormenores da Cabalgata de Reis deste vindeiro ano 2024. O desfile leva por título Fermoso Planeta e percorrerá o Parque da Milagrosa, a Avenida da Coruña, continuará pola Ronda da Muralla e accederá á Praza Maior a través da rúa Vilalba e Bispo Aguirre.

Rubén Arroxo explicou que “a temática da cabalgata deste 2024 é a ecoloxía, a conservación do medioambiente, a importancia de manter a biodiversidade e loitar contra o cambio climático”. Melchor, Gaspar e Baltasar, xunto cos seus paxes, reúnense cos animais de todo o mundo para convidar a reflexionar e pasalo ben. “A cabalgata do 2024 é unha festa, unha celebración das marabillas do mundo, de todo canto nos ofrece o planeta, un agasallo para os ollos e os sentidos”, insistiu o Tenente Alcalde.

O desfile contará cas catro carrozas, as tres dos Reis e a dos agasallos. “Todas elas representan a diversidade do noso medio, dende a neve do Ártico, pasando polos mares e as súas criaturas, sen esquecernos das selvas e sabanas, nin moito menos dos seres máis importantes do planeta, as abellas”, explicou Rubén Arroxo.

Ademais das carrozas, a Cabalgata “contará con 12 espectáculos teatrais itinerantes e musicais, cun total de máis de 94 artistas acompañados dos 32 paxes reais que repartirán caramelos para todos os nenos e nenas de Lugo”, concluíu o tenente alcalde.

PERCORRIDO E CORTES DE TRÁFICO

Tal e como avanzou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, en días pasados, a Cabalgata de Reis ampliará este ano o seu percorrido para adaptar o itinerario ás obras de peonalización do Centro Histórico de xeito que, en lugar de entrar ao recinto amurallado pola Porta de San Fernando, continuará pola Rolda ata a entrada da rúa Vilalba e accederá á Praza Maior a través de Bispo Aguirre.

Data e Horario: Venres, 5 de xaneiro, de 17:30 a 20:00 horas.

Itinerario: Rúa Monte Faro; Avda. da Coruña; Rolda Muralla; Rúa Bispo Aguirre e Praza Maior.

Debido á súa celebración, dende o Concello de Lugo e a Policía Local se dá traslado de que o tráfico da cidade se verá afectado tanto nas rúas que percorra a Comitiva como tamén nas vías adxacentes e, especialmente, no Centro Histórico.

Deste xeito, ponse en coñecemento de toda a cidadanía que, como viña sendo habitual, nas rúas polas que transcorra a Cabalgata, o tráfico estará parado o tempo que tarde en pasar a mesma, restablecéndose a continuación.

Iso sucederá especialmente en todas as vías que desemboquen á avenida da Coruña e na Rolda da Muralla dende a Porta de San Fernando ata a Rúa Vilalba.

Polo que respecta á entrada e saída a circulación rodada dentro do Centro Histórico, a circulación de vehículos verase afectada non só polo paso da devandita comitiva senón tamén debido ao plan especial de tráfico que se está realizando polas obras enmarcadas na estratexia Corazón Verde.

Por iso, dende o Concello e a Policía Local se recomenda de maneira encarecida que durante a tarde do día 5 de xaneiro, unicamente accedan ao recinto amurallado aqueles condutores e condutoras que dispoñen de garaxe ou cuxo acceso á zona resulte imprescindible.

Así mesmo, infórmase de que haberá momentos de circulación parada de xeito que o tráfico de saída pola Rúa Nova estará parado durante o paso da Cabalgata por dito tramo da Rolda da Muralla.

Temporalmente e coa finalidade de non colapsar o Centro, limitarase o acceso ao mesmo dende a Porta de Bispo Odoario e dende a Porta da Rúa Teatro, permitíndose o paso exclusivamente aos vehículos autorizados.