Skip to main content
Portomarín

O PSOE denuncia que o centro de saúde de Portomarín quedou hoxe sen médico

Por 11 Decembro, 2023Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín denuncia que a Xunta de Galicia deixou este luns sen ningún médico ao Centro de Saúde da localidade. Un feito que consideran “moi grave e que non se pode consentir porque temos dereito a unha atención sanitaria digna”, ao tempo que explican que dende o ambulatorio chamaron a primeira hora desta mañá aos pacientes para anularlles a cita de hoxe e pospoñérllela, logo de tela confirmada dende hai días.

O voceiro dos socialistas de Portomarín, Marcos Arias, explica que “no noso concello, onde hai máis de 1.100 cartillas sanitarias, estamos sufrindo un total desmantelamento do centro de saúde. Temos dúas prazas de médico no ambulatorio, pero unha leva sen cubrir dende que a persoa titular se xubilou antes da pandemia”, detalla. “Hai que ter en conta que a nosa poboación está moi envellecida, e ademais somos lugar insignia do Camiño de Santiago, o que fai que á nosa localidade veñan moitas persoas que tamén necesitan atención sanitaria”, explica Arias. “Non podemos estar sen médico, é surrealista esta situación, esiximos que se cubran as dúas prazas e que a situación de hoxe non se volva repetir”, indica.

Arias pídelle ao alcalde que interceda para atallar “canto antes” esta situación. “Ten que defender os intereses dos veciños e veciñas de Portomarín onde sexa e ante quen sexa, e agora estamos ante unha situación moi grave e inxusta por parte da Xunta de Galicia, ten que actuar”.

Os socialistas alertan de que “a desastrosa xestión da Xunta de Galicia coa Atención Primaria e o servizo de Pediatría lévanos a unha situación nos concellos insostible e de deterioro do noso sistema sanitario público”. “Non contratan a xente para cubrir nin as vacacións nin os permisos do persoal e isto lévanos a que temos centros de saúde abertos pero sen médicos. Que será o próximo que vexamos? O centro de saúde pechado?”

“É hipócrita que diga a Xunta que quere fixar poboación no rural cando non lle dá servizos públicos de calidade á xente”, afirma, ao tempo que indica que a poboación, ao estar cada día está máis envellecida, “precisa máis atencións e coidados, e a Xunta que nos dá? Menos médicos, centros de saúde sen persoal sanitario e mándanos facer quilómetros para que nos atenda, cando moitas persoas carecen de carné de conducir e de medios para se desprazar”, explica o socialista.