Skip to main content
ChantadaComarca RIBEIRASACRAXAMonforte

Remata a tempada de rutas fluviais pola Ribeira Sacra con máis de 60.400 visitantes

Por 12 Decembro, 2023Decembro 13th, 2023Sin comentarios

Remata a tempada das rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra organizadas pola Deputación de Lugo, que durou desde o mes de marzo ata esta fin de semana e no que participaron máis de 60.400 persoas.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou destas cifras, que confirman “un novo éxito do servizo provincial, porque estamos falando de máis de 10.000 persoas con respecto á temporada anterior, o que nos di que as políticas turísticas que temos en marcha son as que funcionan”.

Ademais, explicou que se lodran estes datos “sendo respectuosos co medio, declarado Reserva da Biosfera pola Unesco, algo que nos fai estar máis contentos aínda, porque se demostra que apostar por un turismo de calidade, proximidade, non masificado e ao longo de todo o ano é o camiño”.

As rutas fluviais que ofrece a institución provincial polos Canóns do Sil e o río Miño “están a ser ano tras ano un motor moi importante de atracción turística para a provincia de Lugo, especialmente para a Ribeira Sacra, en tanto que xeran un efecto multiplicador en termos de pernoctas e de consumo, contribuíndo así de maneira directa á dinamización económica, da hostalería, do turismo e do comercio nesta comarca”, afirmou o presidente provincial, José Tomé.

Máis datos

Na ruta do Canón do Sil, que parte do embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, rexistráronse un total de 46.147 persoas, e na do Cabo do Mundo, con saída de Santo Estevo en Belesar, foron 14.266 viaxeiros.

Cómpre subliñar que a ruta que parte de Belesar se viu interrompida este outono polos traballos que fixo a empresa Naturgy no encoro dos Peares, baixando o nivel da auga, o que imposibilitou que non puideran navegar durante máis dun mes os catamaráns.

Por outra parte, durante esta ponte da Constitución foron máis de 1.000 persoas as que realizaron algún destes dous itinerarios, en concreto 1.071 viaxeiros. Uns datos contabilizados dende o sábado 2 de decembro ata o domingo 10 de decembro, período no que as embarcacións navegaron todos os días con saídas pola mañá e pola tarde. A ruta que parte de Ponte do Sil foi a elixida por 858 persoas e, pola súa banda, a de Belesar escollérona 213 persoas.

En canto ao perfil dos usuarios e usuarias do servizo provincial nesta temporada, predominou a asistencia en parellas e pequenos grupos de familias ou amigos, así como viaxeiros galegos e doutras comunidades autónomas que se achegan á Ribeira Sacra para coñecer a comarca e o que esta ofrece.

Por idade, destacan os maiores de 55 anos, que son maioría nos datos que recolle a Deputación aos participantes. En canto ás provincias, a maior parte dos viaxeiros e viaxeiras procede da provincia de Lugo, Pontevedra, Madrid, A Coruña, Barcelona e Asturias, “o que nos di que gusta o turismo de proximidade, que funcionan as nosas campañas e iniciativas turísticas para promover o coñecemento da nosa provincia e así o evidencian os datos”, explicou Porto.

“Vémolo incluso co programa Coñece a túa provincia, onde unha gran parte dos participantes elixe facer algunha das dúas rutas das que dispoñemos”. Tamén se evidenciou unha alta presenza de viaxeiros doutros países, con rexistros de persoas procedentes de 35 nacionalidades diferentes, destacando a presenza de visitantes españois, portugueses, franceses e do Reino Unido.