Skip to main content
Deportes RIBEIRASACRAXAQuiroga

Xa hai máis de 850 persoas apuntadas ao Quiroga Trail Challenge, que terá lugar en febreiro

Por 20 Decembro, 2023Decembro 21st, 2023Sin comentarios

O Quiroga Trail Challenge xa conta con 850 inscritos a dous meses da súa celebración, edición da proba líder do trail running galego que se celebrará os vindeiros días 24 e 25 de febreiro.

Esta iniciativa contará coa axuda de 150 voluntarias e voluntarios, así como máis patrocinadores que en anos anteriores e a implicación total do Concello de Quiroga como co-organizador.

Para celebrar o seu décimo aniversario, desde o Quiroga Trail Challenge explican que haberá unha nova distancia de 90 quilómetros e os participantes que escollan esta distancia poderán desfrutar das vistas desde dous dos cumes máis emblemáticos do Xeoparque do Courel: o Pía Paxaro e o Montouto.

Outras novidades importantes son a recuperación dos percorridos de edicións anteriores aos incendios dos derradeiros anos e o cambio de sentido nas diferentes modalidades do sábado, que transforman as probas en auténticas sorpresas ; tal e como nos comentan algúns dos que xa están a adestrarr pola zona.

Desenvolvemento da proba deportiva

O sábado, no territorio ‘Castelo’ disputaranse a andaina de 17 km, o minitrail de 17, o trail de 29, a maratón de 42, a ultra de 62 e a ultra de 90 quilómetros, respectivamente. O domingo, xa en territorio ‘doLor’, poderanse descubrir os rincóns máis recónditos do Courel no minitrail de 17 km ou no trail de 29 quilómetros. Mentres, os máis atrevidos tamén teñen a posibilidade de correr en circuíto os dous días.

Desde a organización do evento queren transmitir a súa satisfacción polo éxito acadado a dous meses de celebrarse, xa que “un 20% dos participantes sexan de fóra de Galicia e que un 25% sexan mulleres son datos, sen dúbida, moi positivos que nos ilusionan e empuxan a continuar traballando con máis ganas aínda; pero, sobre todo, a maior recompensa para nós é o feito de que, ano tras ano, contemos cun elevado número de participantes que xa teñen o QTC como proba fixa nos seus calendarios”, comenta Blas Rodríguez, director da proba.