Skip to main content
Chantada

O alcalde de Chantada di ser “moi consciente do problema que temos no centro de saúde”

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, insiste en que “son moi consciente do problema que temos no centro de saúde, ningún alcalde e ningún equipo de goberno quere que os seus veciños carezan de atención sanitaria”, tras as protestas celebradas esta fin de semana.

Así, explicou que a semana pasada Ramón Ares, o xerente da área sanitaria de Chantada, “confirmoume que no centro tiña que haber 4 médicos e un quinto que está de vacacións, que se incorporará en decembro”.

“En Chantada necesitamos, como mínimo, 5 médicos para atender á poboación do municipio, así llo traslado unha e outra vez á Consellería e ao xerente da área sanitaria, Ramón Ares, tal e como se acordou no pleno de setembro”, insistiu o rexedor.

A moción presentada pola oposición en setembro foi respaldada polo equipo de Goberno e aprobada por unanimidade, “deixando de manifesto a vontade dos grupos por acadar esas melloras sanitarias necesarias para o Concello de Chantada, que o equipo de Goberno xa viña reclamando desde o Concello, agora co respaldo de todos os grupos que facultaban ao alcalde para estas xestións”, explica o rexedor.

Por iso, xa daquela, o Goberno local di que reclamou á Consellería de Sanidade e á Xerencia da Área Sanitaria a cobertura dos postos do centro de saúde que estaban descubertos; a dotación dun segundo equipo para o PAC e a ampliación do servizo de HADO.

Contestación da oposición

Desde Por Chantada, pola súa parte, din que “vender como xestións unha moción no mes de setembro ou unha chamada telefónica é un insulto á intelixencia”, sosteñen.

Así, defenden que “cando o clamor social é macizo e se lles pide explicacións, saen cun comunicado infame onde a manipulación e a mentira se dan a man” e explican que “é unha vergoña que o alcalde non se interesara polas concentraciós e que mesmo se negara a asinar en apoio das demandas da plataforma, mais si teña tempo agora para mentir e vender xestións onde só hai espaventos”.

Por último, explican que se o alcalde quere facer xestións, “debe sinalar os verdadeiros responsables na Xunta e esixir unha atención sanitaria digna e de calidade para a maioría social que imos á sanidade pública”.