Skip to main content
Monforte

A Mesa Pola Normalización Lingüística de Monforte apoia a ‘Iniciativa Xabarín’ cun posto na rúa

A delegación da Mesa Pola Normalización Lingüística no sur de Lugo comunica que lle dará apoio á campaña ‘Iniciativa Xabarín’ poñendo un posto para recoller sinaturas de apoio este sábado de 11.00 a 13.00 horas na Rúa Cardenal de Monforte de Lemos.

Desde a Mesa defenden que o fin desta acción é insistir en reclamar á Xunta e aos operadores televisivos do estado para que aumenten a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade, así como reivindicar o cumprimento dos acordos que se conseguiron hai tres anos.

Din que co apoio de 33.000 sinaturas, a iniciativa debateuse no Parlamento galego e en maio de 2021 aprobouse por unaninimidade diferentes acordos, que “neste momento non se está a cumprir ningún deles”, denuncian.

Ademais, din que “malia a súa maior responsabilidade, as televisións públicas (TVG e TVE) cunha responsabilidade social maior, son as que máis incumpren, xa que a TVG continúa a limitar a programación á 2ª canle, sen que teñamos visto nestes tres anos ningún avance para a creación dunha canle temática nunha plataforma dixital própria, nin acordos para a inclusión nas operadoras de TV dispoñíbeis”.

Por outra parte, tamén acusan á TVE, que “incumpre descaradamente e sen rubor a lexislación: desde a aprobación da Lei audiovisual emitiu 0 programas infantís ou xuvenís en versión orixinal, dobrada ou lexendada en galego”.

Así, conclúen que “mentres se incumpren estes acordos e a lexislación,  a presenza do galego nas canles temáticas infantís e xuvenís da TDT e operadoras de televisión é dun 0,83% que converte aos servizos audiovisuais noutro espazo vetado para o noso idioma”.