Skip to main content
Monforte

O Concello de Monforte gaña a demanda dunha empresa pola xestión do concurso do Centro do Viño

Por 9 Decembro, 2023Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de informar dunha nova sentencia favorable ó Concello de Monforte, neste caso ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Lugo, fronte ó recurso interposto pola empresa Rutas Sacras S.L.U. contra a decisión da Xunta de Goberno do Concello de 12 de abril de 2021, na que desestimaba un recurso de reposición interposto por dita empresa, en relación o procedemento de licitación da xestión do Centro do Viño e outros servizos turísticos.

A licitación publicouse o 9 de marzo de 2021, logo de ser aprobada na Xunta de Goberno local do 8 de marzo de 2021. En concreto, a empresa Rutas Sacras S.L.U., anterior concesionaria deste servizo, alegaba que “o Convenio Colectivo de Agencia de Viaxes contemplado non é o correcto, senón que resultaría aplicable o Convenio Colectivo do Sector de Ocio Educativo e a Animación Socio Cultural, ou en todo caso, o Convenio Colectivo autonómico de Eventos, Servicios e Producións Culturais de Galicia”.

Do mesmo xeito, tamén alegaban a existencia de erros no cálculo dos custos laborais do contrato respecto do Convenio Colectivo de Axencias de Viaxes ao non ter en conta a existencia de catro pagas extraordinarias, e ao ser imposible a cobertura de horas de apertura con só 7 persoas empregadas. No seu momento, o Concello desestimou a pretensión da empresa, e seguiu adiante co proceso de licitación, que foi finalmente adxudicado o 5 de maio de 2021 á UTE María Isabel Álvarez Sangil, Ruth Díaz Amor, Vicente Parra Vizcaino e Albergue Santiago, que tamén actuou como codemandada no caso. Dende o Concello tamén informan que a empresa Rutas Sacras S.L.U. non presentou oferta algunha para o dito proceso de licitación de xestión do Centro do Viño e outros servizos turísticos.

Convenio colectivo e rexeitamento dos erros nos custos laborais

A sentencia favorable ó Concello indica, con respecto ó convenio colectivo de aplicación, indica que “resulta claro que o Convenio do sector de Ocio Educativo e Animación Sociocultural pretendido por la empresa recorrente non resulta de aplicación”. Do mesmo xeito, o Convenio de aplicación no contrato, que era o de Axencias de Viaxes, fora aceptado pola empresa que  gañou o concurso no ano 2013 e é o convenio de referencia para a licitación do novo contrato en 2011.

Con respecto aos supostos erros de cálculo nos custos laborais do contrato, a sentencia sinala que ó non resultar de aplicación o Convenio Colectivo pretendido, rexeita sen máis os pretendidos errores de cálculo nos costes laborais do contrato que sinalaba a demanda.

Finalmente, o Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Lugo desestimou o recurso interposto pola empresa fronte ó Concello de Monforte e á actual UTE que xestiona o Centro do Viño e outros servizos turísticos do municipio, e impón ó demandante os custos procesais, ata un máximo de 800 euros.