Skip to main content
Monforte

O alcalde de Monforte informa de que a fuga da auga na rúa Abelardo Baanante vén dunha leira dun veciño

Por 14 Decembro, 2023Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa sobre a fuga de auga na rúa Abelardo Baanante, concretamente na parte alta da rúa onde se atopa a escaleira de acceso á igrexa da Régoa.

Neste senso, o rexedor indica que “tan pronto tivemos coñecemento, tras un informe da Policía Local, visitei o lugar acompañado polo Concelleiro de Obras, José Luis Losada, e pola empresa Aqualia para coñecer de primeira man o problema que había xurdido, e a partir de ahí o Concello actuou de inmediato conforme ó procedemento legal”.

Tras a inspección levada a cabo polos técnicos de Aqualia, no informe remitido por esta empresa ao Concello, descártase a existencia de fugas na rede xeral e, do mesmo xeito, indícase que se localizou a existencia dun pozo artesán dentro dun solar, que é a orixe de dita fuga, vertendo a auga para a rúa Abelardo Baanante.

En base ao indicado no informe, o alcalde vén de decretar e resolver requerir ao propietario da leira para que, de forma inmediata, nun prazo non superior a quince días, proceda ao selado e reparación do pozo ao que se fai referencia no informe transcrito. E do mesmo xeito, apercíbese ao propietario de que de non proceder a dito selado e reparación, dende o Concello se acordará a execución forzosa para proceder a solucionar este problema, cargando os custes ó dono do solar, de acordo cos artigos 99 e 100 da Lei 39/2015 de 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común.