Skip to main content
Monforte

Monforte pon en marcha un Mercado solidario de Nadal

Por 17 Decembro, 2023Sin comentarios

O Concello de Monforte contará cun Mercado de Nadal solidario o sábado 23 de decembro. O Colectivo Vermut, en colaboración co Club Fluvial Monforte, organiza a cita que terá lugar no Club Fluvial de Monforte de 11.00 a 20.00 horas.

O Colectivo Vermut, almacén cultural, é un colectivo de recente creación formado por un grupo de persoas que comparten as ganas de desenvolver actividades culturais en Monforte.  Os cartos recadados pola organización serán íntegramente doados a varias asociacións de carácter asistencial que ofrecen os seus servizos en Monforte, como a Cruz Roja, Auxilia, Ruliños e AFAMON.

Os cartos serán doados polos asistentes ao evento (donativo de 1 euro por entrada, menores de 16 anos gratis) e polos expositores (donativo de 3 euros por posto participante). Ademais, o recadado pola comida e bebida servida por Colectivo Vermut tamén se doará integramente ás asociacións beneficiarias.

Durante a xornada, haberá un Bingo Solidario para recadar fondos para a asociación Harit Gambia, un centro de acollida e escolarización de nenos sen recursos familiares en Lamin, Gambia. Todos os premios que se entregarán serán doazóns feitas por empresas e profesionais da zona. Haberá de todo, dende libros, viño ou un lote de galletas… ata unha cea para dous, un forfait ou un circuíto termal.

Actividades infantís

No mercado haberá postos de artesanía, decoración, libros, roupa de segunda man, tartas, tatuaxes… máis de 20 postos xa confirmados. Os interesados en participar poden inscribirse ata o día 16 enviando un correo a somoscolectivovermut@gmail.com. O mercadillo estará amenizado por artistas e bandas locais que colaboran de maneira gratuíta co evento: Penny Lane, Sara Burgo, Peitoescuro, La Toña Jackson DJ.

O programa contempla actividades infantís, entre eles un obradoiro de adornos de nadal con Trasnos Ocio, o  contacontos O misterio do tulipán coa súa autora, Yolanda Álvarez, e a visita de Papá Noel. As actividades son gratuítas e para a visita a Papá Noel é necesario inscribirse antes do 21 de decembro a través do formulario de inscrición online nas redes sociais de Colectivo Vermut e Club Fluvial Monforte.