Skip to main content
Monforte

A Pladesapu de Monforte convoca unha concentración o día 21

Por 16 Decembro, 2023Decembro 17th, 2023Sin comentarios

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Zona Sur de Lugo, convoca unha concentración para protestar ante a agonía que sofre a atención primaria en todo o distrito. “Este mes chegou ata límites insospeitados coa paralización case completa da actividade do centro de saúde de Monforte”, indican dende o colectivo

A concentración será o vindeiro día 21 xoves, a partir das 20.00 horas na praza de España, en Monforte. A Plataforma leva tempo avisando da precariedade que atravesa a primaria, e o centro de saúde de Monforte e os da contorna son un claro exemplo, segundo eles.

“No tocante a Monforte, cando parecía que non podía ir a peor, este mes os médicos pecharon axendas e só atenden urxencias por estar a mínimos de persoal, por non falar de que as citas se están a anular sen avisar os usuarios, que se enteran mediante a aplicación do Sergas, ou mesmo unha vez que chegan o centro de saúde”. Neste sento, fan unha mención especial ao servizo de pediatría, que “vai á deriva dende hai moito tempo, e non parece que as autoridades teñan ningún tipo de interese en poñer remedio”.

Falta de médicos

Entenden que esta situación obedece “ós permisos que os facultativos desfrutan tales como vacacións ou días libres, pero tamén entendemos que isto non teñen que pagalo os usuarios, e que ditos permisos deberían estar cubertos”. Neste sento, aseguran que os centros de saúde da contorna non se libran da situación.

“O centro de saúde de Bóveda estivo sen médico durante días hai apenas un par de semanas, e a día de hoxe só dispoñen de media enfermeira, xa que a titular debe ocuparse tamén do centro de saúde de Rubián. Chantada tivo a súa propia protesta hai apenas unha semana, logo de ver desvalixado o seu centro de saúde.

A Plataforma anima a poboación a achegarse o xoves a praza de España e a protestar contra unha situación que os afecta como usuarios de atención primaria, e tamén como usuarios das instalación hospitalarias, xa que os servizos de PAC e urxencias levan semanas colapsados, tratando, nun intento inútil, de suplir a falta de médicos de atención primaria.